CRÓNICA AMISTOSO | Un bo primeiro paso (4-3)

CRÓNICA AMISTOSO | Un bo primeiro paso (4-3)

23 de agosto de 2023


O Deportivo Liceo estréase na pretempada cun triunfo ante o Oliveirense.

Comezaron os amigables da pretempada de 2023 e tamén as vitorias. O Deportivo Liceo de Juan Copa completou da mellor forma a súa primeira proba de agosto. Era de gran nivel: visitou Galicia o sempre potente Oliveirense portugués, que deu guerra ata o último segundo de hockey.

Desafiando a un día coruñés e cálido, os primeiros instantes do encontro non pasaron á historia. Tanteo e loita contra a temperatura ante, iso si, varios centos de Liceístas que acudiron ó Pazo dos Deportes.

Estreas prometedoras

Era xornada de debuts no Liceo, aínda que ningún deles no quinteto titular. Pablo Cancela, Tomás Pereira e Tiago Rodrigues tiveron a súa oportunidade desde o banco. Bruno Saavedra, a último fichaxe do verán, non entrou na lista debido á súa presenza nas categorías inferiores de España.

Os novatos deixaron a súa pegada. Sobre todo o dono do dorsal 74. Tras unha serie de achegamentos importantes do Oliveirense, todos neutralizados por Martí Serra, o coruñés Cancela roubou unha bóla a Diogo Abreu (último home) e bateu a Alves nun man a man. Minuto 18.

O coruñés Pablo Cancela estreouse cun dobrete

Daría tempo para dous goles verdibrancos máis. O primeiro non chegou directamente do cartón azul visto polo exliceísta Bruno Di Benedetto, xa que Alves superou a Dava Torres na directa, pero si grazas ó power play posterior. O capitán converteuse en asistente para César Carballeira (minuto 23). Moi pouco despois, o Oliveirense cometeu a décima infracción e Cancela completou o dobrete (3-0).

Embestidas dun rival poderoso

O rival, forte en Portugal e con moito que dicir en cada Champions, atopou o seu acerto na segunda metade. Ó volver á pista tardou tres minutos en marcar o 3-1 mediante Di Benedetto. A partir de aí, Riazor presenciou unha serie de bólas paradas case interminable.

A primeira ocorreu no 30, con parada de Tiago Rodrigues (ocupante da meta no acto final). A segunda veu dun azul a César e o luso luciuse para detela por dúas veces. Non puido conter a terceira do minuto 38, cando Marc Torra logrou o 3-2.

Tiago Rodrigues detivo dúas faltas directas na segunda metade

O xogo estabilizouse na súa fase final. Iso non significou que non houbera goles. Primeiro a conexión César-Dava permitiu ó capitán marcar o 4-2 a falta de cinco minutos. Inmediatamente despois, Nuno Santos sacou un misil imparable desde campo propio para recuperar terreo (4-3). Non houbo tempo para máis, aínda que os portugueses intentaron todo.

Próximos amistosos

Ata que chegue o debut oficial do 23 de setembro (semifinal da Supercopa de España ante o Reus) estes son os demáis amistosos confirmados ademais do recén rematado:

  • 30 de agosto, 31 de agosto e 1 de setembro | Stage en Portugal ante Barcelos, Oliveirense e Valongo respectivamente. Horarios por confirmar.
  • 8, 9 e 10 de setembro | Torneo Internacional de Famalicão (Portugal) ante Famalicense (21:00h), Riba D’Ave (20:00h) e Saint-Omer (16:30h) respectivamente. Horas españolas.
  • 17 de setembro ante o Rivas Hockey no Pazo dos Deportes de Riazor. Horario por confirmar.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fran Torres (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Pablo Cancela, Tomás Pereira e Tiago Rodrigues (meta suplente).

OLIVEIRENSE: Diogo Alves; Bruno Di Benedetto, Marc Torra, Diogo Abreu, Nuno Santos (quinteto inicial), Lucas Martínez, Facundo Navarro, Xavi Cardoso, Franco Platero e Xano Edo (meta suplente).

ÁRBITROS: Rubén Fernández e Daniel Villar. Mostraron cartón azul ós locais César Carballeira e Fran Torres. No Oliveirense viuna Bruno Di Benedetto

GOLES: 1-0 (Pablo Cancela, min. 18). 2-0 (César Carballeira, min. 23). 3-0 (Pablo Cancela, min. 23). 3-1 (Bruno Di Benedetto, min. 28). 3-2 (Marc Torra, min. 38). 4-2 (Dava Torres, min. 45). 4-3 (Nuno Santos, min. 45).

Pretempada 2023. Partido amistoso. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario