CRÓNICA AMISTOSO | Pouca fortuna pero máis crecemento (2-1)

CRÓNICA AMISTOSO | Pouca fortuna pero máis crecemento (2-1)

8 de setembro de 2023


O Deportivo Liceo cae ante o Famalicense pero gaña máis rodaxe de cara ó curso 23/24.

O Torneo Internacional de Famalicão, a disputar en Riba de Ave, significou o regreso a Portugal do Deportivo Liceo días despois da súa estancia en Oliveira. Juan Copa e os seus enfrontaron a súa primeira proba ante o Famalicense, que se erixiu como vencedor despois dunha segunda metade desafortunada dos verdibrancos.

A estadía, que durará ata a tarde do domingo, deixará dous encontros máis ante Riba de Ave (sábado, 20:00h de España) e Saint-Omer (domingo, 16:30h de España).

Primeira parte para demostrar

A expedición, aínda sen Bruno Saavedra pola súa presenza coas categorías inferiores de España, chegou ó Parque das Tílias e non tardou nada en demostrar a súa ambición. No primeiro minuto, Tomás Pereira xa atopara un dos paus defendidos por Diogo Fernandes. Dava Torres non foi menos.

O marcador seguía sen moverse e o propio capitán contou cunha gran oportunidade en forma de directa, tralo cartón azul visto polo local Carlos Dias. Fernandes, esta vez sen axuda dos ferros, encargouse de cerrarlle o paso. Sen embargo, o intenso ataque dos de Juan Copa provocou o inevitable 0-1. Anotouno Sito Ricart (minuto 15) ó aproveitar unha xogada plagada de rebotes na área rival.

Desafortunada segunda parte

Como na Lei de Murphy, todo o que podía saír mal no acto final acabou facéndoo. Os cartóns azuis (algúns deles rigorosos) e as súas consecuencias marcaron o devir do Liceo nos últimos 25 minutos.

Primeiro viuno Pablo Cancela. A directa foi detida por Martí Serra coa pouca fortuna de que, inmediatamente despois, Luís Filipe empatou o partido (1-1, minuto 27). Outro azul chave foi para Sito, o único goleador verdibranco do encontro. Serra volveu a parar pero o power play en contra foi letal. O español Juan López aproveitouno e remontou no 31 (2-1).

A partir de aí, a pesar de sufrir outra tarxeta co nome de Tomás Pereira, os homes de Juan Copa loitaron polo empate. Ata o segundo final e mesmo intentándoo con cinco de pista. Non houbo sorte e o marcador morreu co 2-1.

Próximos amistosos

Ata o debut oficial do 23 de setembro, coa semifinal de Supercopa ante o Reus, estes son o resto de amistosos confirmados para a pretempada:

  • 9 e 10 de setembro | Torneo Internacional de Famalicão (Portugal) ante Riba D’Ave (20:00h) e Saint-Omer (16:30h) respectivamente. Horas españolas.
  • 17 de setembro ante o Rivas Hockey no Pazo dos Deportes de Riazor. Horario por confirmar.

FICHA TÉCNICA

FAMALICENSE: Diogo Fernandes; Guilherme Frias, Diogo Cardoso, Rafael Almeida, Afonso Lima (quinteto inicial), Juan López, Carlos Dias, Hugo Costa, Luís Filipe e Miguel Santos (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Tomás Pereira, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres e Tiago Rodrigues (meta suplente).

ÁRBITROS: Rui Torres e Miguel Azevedo. Cartón azul para Carlos Dias e para Afonso Lima por parte do Famalicense. No Deportivo Liceo la víronno César Carballeira, Pablo Cancela, Sito Ricart e Tomás Pereira.

GOLES: 0-1 (Sito Ricart, min. 15). 1-1 (Luís Filipe, min. 27), 2-1 (Juan López, min. 31).

Pretempada 2023. Torneo Internacional de Famalicão, primeiro partido. Parque das Tílias de Riba de Ave (Portugal).

Deixa un comentario