Imaxe: Mónica Arcay.
Vitoria de gran valor. O Deportivo Liceo foi quen de repoñerse á súa derrota recente e superou ó Palafrugell (1-2) a pesar das importantes baixas de Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher. Tamén a pesar de ser o segundo partido oficial en 48 horas. Este triunfo coloca ó conxunto de Juan Copa con 70 puntos, catro menos có líder a falta de tres compromisos para a fin da OK Liga.
Os tres minutos iniciais deixaron dous goles. O primeiro foi de César Carballeira, autor dunha boa definición desde o punto de penalti antes de que o Palafrugell empatara da man de Xevi Aldrich. Un partido por entonces equilibrado, cunha intensidade que progresivamente foi baixando. O conxunto local basou o seu poderío no contraataque, ben levado e que levou perigo á zaga vestida de branquiazul.
O paso do tempo favoreceu ó cadro de Juan Copa. Fíxose coa bóla e foi capaz de crear numerosas xogadas tan interesantes como perigosas para Linu Luzón, meta local. Unha delas, ben trazada, foi finalizada por Maxi Oruste ós 17 minutos para establecer o 1-2. Ese foi o resultado que chegou ó descanso.
Equilibrio e fatiga
O Palafrugell de Xevi García non estaba morto. Defendeuse desde o primeiro segundo do acto final. De feito, estivo a punto de empatar o partido tras unha boa asociación entre Figa e Aldrich neutralizada por Carles Grau. Os contraataques continuaron sendo a súa fonte ofensiva principal mentres o Deportivo Liceo acusaba físicamente a recente acumulación de partidos.
A segunda parte non trouxo demasiadas incidencias, pero unha puido trocar o sentido do xogo. Un 9-9 en faltas realmente duradeiro rematou cando o cadro coruñés cometeu a décima, pero Carles Grau detivo con seguridade a directa de Borja Ramón. Problema resolto. César Carballeira tamén tivo na súa man ampliar a vantaxe liceísta trala infracción número 10 dos locais, pero o seu lanzamento non superou a Linu. Así finalizou.
O antepenúltimo compromiso de OK Liga do Deportivo Liceo levaralle á pista do Caldes.
FICHA TÉCNICA
CH PALAFRUGELL: Linu Luzón, Mikel Abeal, Marc Figa, Xevi Aldrich, Sergi Canet (quinteto inicial), Borja Ramón, Franco Ceschin, Edu Viella e Joan Gelmà.
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Maxi Oruste e Nanu Castro.
ÁRBITROS: Ribó Navarro e Calonge Barrio. Sen cartóns.
GOLES: 0-1 (César Carballeira de penalti, min. 3). 1-1 (Xevi Aldrich, min. 3). 1-2 (Maxi Oruste, min. 17).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 21 da OK Liga 20/21, aprazado no seu día por motivos sanitarios. Pavelló Municipal de Palafrugell, 200 espectadores.