Bruno Di Benedetto celebra o 1-0 parcial. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
A primeira batalla das semifinais foi verdibranca. Venceu o Deportivo Liceo de Juan Copa para sumar o punto inaugural das semifinais polo título e, de momento, aproveitar o seu factor pista. Non o puxo nada fácil un comprometido e correoso Calafell. Ambos retornarán o vindeiro domingo ás 12:00h, co Pazo de novo como escenario, para loitar no segundo duelo ó mellor de cinco.
A ambición de ambos demostrouse desde o principio ata o final, como cabe esperar a estas alturas do campionato. O acto inicial comezou con dúas oportunidades para César Carballeira e Àlex Rodríguez, aínda que o guión xeral foi realmente igualado. O cadro catalán tamén saíu con todo e gozou da primeira ocasión realmente relevante: un man a man manifesto de Joan Escala que neutralizou de forma maxistral Martí Serra.
O 0-0 sobreviviu durante a maior parte dos 25 minutos principais grazas ó mencionado equilibrio, cuberto por unha demostración física dos dous rivais.
Tapón fóra
Só faltaba alguén que abrira a veda. Foi Bruno Di Benedetto no minuto 19 e a favor dos da casa. O dorsal 3, tras unha xogada lentamente cociñada, recibiu a bóla na frontal da área e enviouna á rede de Gerard Camps cun reverso.
Reaccionou da mellor maneira o cadro de Ferran López, que empatou pouco despois (1-1) grazas ó home gol da OK Liga: Martí Casas. Atacou o Calafell, enviou unha bóla ó ferro e o 18 rematouna definitivamente.
Unha proba mental que os de Juan Copa tamén superaron con nota: dous minutos despois, un roubo excepcional de César Carballeira detrás da meta precedeu a unha asistencia que Dava Torres non desperdiciou (2-1, min. 24). Entón apareceu a bocina e deu un pequeno respiro a todos.
Acierto e un Martí Serra decisivo
O guion da segunda metade non só non cambiou, senón que se intensificou aínda máis. Para comezar, non con boas novas para os locais. Jordi Ferrer tardou tres minutos en igualar grazas a un disparo colocado desde fóra da área (2-2). Máis tarde, un cartón azul a Àlex Rodríguez enviou a Casas ó punto da directa co obxectivo de remontar. O porteiro liceísta Martí Serra impediuno e foi decisivo.
O Deportivo Liceo debeu loitar ata o final a pesar de colocarse cun 4-2 momentáneo
Todo debía decidirse por detalles e así foi. Desequilibrouse a favor do Liceo cando Fabri, no minuto 36, anotou o 3-2. Disparou Dava, rexeitou Camps e o arxentino rematou. Respondeulle Rodríguez desde a directa despois doutro azul, esta vez para Arnau Xaus. 4-2 e doce minutos para xestionalo.
Martí Serra fíxose grande de novo nun penalti do exliceísta Miras, aínda que a tres minutos do final marcou o 4-3. Tocou sufrir ata a conclusión e todo saíu ben. Tamén a defensa dos cinco xogadores de pista cos que Ferran López esgotou as súas posibilidades. Final e festa.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
CALAFELL: Gerard Camps; Arnau Xaus, Joan Escala, Martí Casas, Sergi Miras (quinteto inicial), Oriol Palau, Jordi Ferrer, Humberto Mendes, Curro Fernández e Marc Solans (meta suplente).
ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Alberto Pérez Pérez. Expulsaron con cartón vermello directo a Antón Baldomir, delegado do Deportivo Liceo. Mostraron cartón azul ó liceísta Àlex Rodríguez e ós visitantes Arnau Xaus e Joan Escala.
GOLES: 1-0 (Bruno Di Benedetto, min. 19). 1-1 (Martí Casas, min. 22). 2-1 (Dava Torres, min. 24). 2-2 (Jordi Ferrer, min. 28). 3-2 (Fabri Ciocale, min. 36). 4-2 (Àlex Rodríguez, min. 38). 4-3 (Sergi Miras, min. 47).
OK Liga 22/23, Playoffs polo título. Primeiro partido de Semifinais. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).