9 de xuño de 2024
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo vence ó Noia tras prórroga e despois dunha demostración colosal de resiliencia.
Forza o quinto partido de semifinais, a disputar o martes en Sant Sadurní (20:30h).
Bo comezo
O certo é que a primeira parte pouco se pareceu ó visto o pasado venres. O cuarto partido foi máis estratéxico có terceiro (polo menos no seu comezo) e tamén con máis faltas, ademais para os dous lados. Con todo, o marcador evolucionou do mesmo xeito: con dous goles do Deportivo Liceo.
O primeiro foi de Dava Torres ós oito minutos grazas a un gran disparo lonxano que pegou no pau antes de entrar. O segundo foi de César a pouco do descanso, encargado de transformar un penalti que o Noia cometeu sobre Sito Ricart (2-0).
Poderían ser máis, e para ambos. O gran número de infraccións (o descanso chegou cun 11-10 nesa estatística) provocou faltas directas a favor dos dous equipos, aínda que ningunha acabou en gol tralos lanzamentos de Dava e Gabarró. Tampouco atopou bo porto a outra que lanzou o capitán, froito dunha azul ó visitante Xavi Costa.
O Noia respondeu
Todo ía relativamente ben ata que apareceu o incombustible Jordi Bargalló. Anotou o 2-1 no minuto 30 cun disparo raso e potente que superou a toda a defensa verde, servindo ademais de claro aviso por parte do seu Noia. Ese aviso acabaría trocando nunha realidade co 2-2 de Iván Morales, ademais do pau seguinte do propio Bargalló. Os de Pere Varias estaban moi vivos.
Tamén lograron reaccionar de forma óptima ó 3-2 de Fran Torres, que aproveitou unha perda groseira de Humberto para marcar. Xavi Rovira foi o responsable dese 3-3 parcial mentres o Deportivo Liceo non era capaz de materializar as súas faltas directas (gozou de ata cinco). Despois dun treito final de infarto, os árbitros mandaron o xogo ó tempo extra.
Unha prórroga marcada pola azul a Gabarró
Eses dez minutos de propina estiveron marcados por un claro erro de Martí Gabarró. Nunha xogada anecdótica, o 27 do Noia empurrou a Bruno Saavedra mentres este se erguía dun choque normal. Viu a azul. O propio Bruno non acertou no lanzamento, pero o power play posterior sería definitivo.
Aproveitouno Dava Torres para poñer por diante ó Liceo, con posterior delirio dun Riazor entregado desde o asubío inicial. Tocou entón defender e soportar os cinco xogadores de pista do Noia, que esixiron ó máximo a un Martí Serra colosal. Todo terminou ben.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Fran Torres, Pablo Cancela, Guido Pellizzari, Bruno Saavedra e Tiago Rodrigues (meta suplente).
NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Iván Morales (quinteto inicial), Xavi Costa, Martí Gabarró, Humberto Mendes, Xavi Rovira e Jan Marimon (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Mostraron tarxeta azul a César Carballeira por parte do Deportivo Liceo. No Noia víronna Jordi Bargalló, Xavi Costa, Iván Morales e Martí Gabarró.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 8). 2-0 (César Carballeira de penalti, min. 24). 2-1 (Jordi Bargalló, min. 30). 2-2 (Iván Morales, min. 35). 3-2 (Fran Torres, min. 42). 3-3 (Xavi Rovira, min. 43). 4-3 (Dava Torres, min. 56).
OK Liga 23/24. Semifinais do playoff polo título, Partido 4. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).