2 de xuño de 2024
A eliminatoria colócase cun 2-0 favorable ós cataláns antes de que se traslade o venres a Galicia (20:30h).
Á segunda tampouco puido ser, xa que o Noia volveu vencer ó Deportivo Liceo nunha nova proba das semifinais polo título. Esta eliminatoria ó mellor de cinco partidos colócase así cun 2-0 favorable ó conxunto de Pere Varias.
A rolda trasladarase o venres a Galicia, onde o equipo de Juan Copa terá a oportunidade de contraatacar. Será ás 20:30h e, en caso de triunfo, habería un novo choque o domingo 9 ás 12:30h. Se nel regresasen as boas novas, Sant Sadurní sería a cancha que definiría ó finalista.
Partido trabado
Coa entrada de Fran Torres por Guido na convocatoria, ademais de portar a equipación visitante, o Liceo entrou na pista consciente do que se podía esperar neste segundo partido. O xogo foi igualado, aínda que o Noia mostrou ó principio un pouco máis de intensidade. Deu o seu primeiro aviso no minuto 10, cando os colexiados anularon un gol de Iván Morales por falta previa.
Si valeu o de Martí Gabarró, que perforou a meta de Serra (1-0). Xa o lograra no primeiro partido. Non obstante, a reacción dos homes de Juan Copa foi case inmediata: o empate chegou tres minutos despois grazas a Fabri Ciocale, que dentro da área enviou a bóla á mesma escadra de Blai Roca.
A remontada puido incluso ser unha realidade nas dúas xogadas seguintes. Primeiro Bruno Saavedra (o mellor da primeira parte) atopou o pau esquerdo do porteiro local, antes de que Dava Torres fixera o mesmo co seu longueiro.
Impúxose o acerto local
Esa pouca fortuna do Liceo si foi amiga do Noia, que demostrou por que o Ateneu non vira unha soa derrota do seu anfitrión en toda a tempada. Ós seis minutos da segunda metade, Martí Gabarró comezou a erixirse como o gran protagonista do xogo co seu 2-1. Tamén foi o autor do 3-1 ó transformar a directa froito da décima infracción liceísta. Hat trick para o xogador local, que provocou grandes dificultades á expedición coruñesa.
Martí Gabarró foi o gran valedor do Noia ó marcar tres dos seus catro goles do mediodía
Os de Copa non se renderon, aínda que se atoparon de novo cos paus da meta de Roca. Os seus intentos non tiveron tanto éxito como o de Xavi Costa, que co seu gol particular sentenciou o 2-0 da eliminatoria.
Xa a menos dun minuto do final, Bruno Saavedra recortou distancias cunha auténtica obra de arte en forma de falta directa. Non tivo efecto no resultado final, que mostrou un 4-2 para os de Sant Sadurní.
FICHA TÉCNICA
NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Jordi Bargalló, Xavi Rovira, Iván Morales (quinteto inicial), Xavi Costa, Toni Salvadó, Martí Gabarró, Humberto Mendes e Jan Marimon (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Sito Ricart, Tomás Pereira, Fran Torres, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e David Cantos Bonales. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Bruno Saavedra.
GOLES: 1-0 (Martí Gabarró, min. 15). 1-1 (Fabri Ciocale, min. 18). 2-1 (Martí Gabarró, min. 31). 3-1 (Martí Gabarró, min. 40). 4-1 (Xavi Costa, min. 48). 4-2 (Bruno Saavedra, min. 50).
OK Liga 23/24. Semifinais do playoff polo título, Partido 2. Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní de Noia).