CRÓNICA OK LIGA (Semifinais, Partido 2) | Outro triunfo para soñar (4-1)

CRÓNICA OK LIGA (Semifinais, Partido 2) | Outro triunfo para soñar (4-1)

Dava Torres foi o autor dun triplete. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O factor pista non fallou e brindou ó Deportivo Liceo de Juan Copa a posibilidade de pasar á final por vía rápida. Outra exhibición de traballo e acerto serviu para superar por segunda vez ó Calafell de Ferran López, que agarda o venres en Les Comes. Unha vitoria ás 20:30h significaría a clasificación definitiva.

O certo é que esta vez o conxunto de Copa logrou superar en momentos ó seu rival de forma clara, lonxe do guion igualado do encontro inicial. Comezou máis intenso e con maior presenza na área de Camps que a que tivo o Calafell na de Martí Serra. As primeiras ocasións non se fixeron esperar: un disparo potentísimo de Àlex Rodríguez, desviado polo porteiro; e outra xogada na que Sito Ricart intentou superalo con intelixencia desde detrás da meta.

O Deportivo Liceo acaparou o protagonismo do principio de partido

Ferrer decatouse do que estaba a suceder e solicitou un tempo morto ós catro minutos de xogo. Non fixo moito. O Deportivo Liceo continuou atacando sen tregua e acabou por atopar o merecido 1-0. Sito recibiu, viu a Dava Torres e regaloulle un pase que o capitán mandou á rede (minuto 5).

Incluso estivo preto o 2-0, cando Jordi Ferrer viu a tarxeta azul e enviou a Àlex Rodríguez ó punto de falta directa. A xogada non acabou ben.

Lume lento

Estas circunstancias favorables non ocultaban o perigo inherente do Calafell. Os cataláns gozaron da súa primeira oportunidade clara no minuto 13, cando un erro defensivo do Liceo deixou a Sergi Miras diante de Serra. O porteiro fixo unha gran parada e evitou o empate.

Sito Ricart pugna co exliceísta Sergi Miras. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Chegou entón o momento máis parecido á igualdade que ofreceu a primeira metade. Non obstante, o Deportivo Liceo atopou un gran premio cando apenas quedaban décimas de segundo para o descanso. César, tras unha serie de intentos, disparou por última vez e a bóla entrou tras milleiros de rebotes (2-0).

Martí Serra contra a reacción rival

O Calafell do segundo tempo asemellouse máis ó do pasado venres. Regresou á pista con máis perigo, polo que Martí Serra tivo que protagonizar outra clase maxistral. Primeiro negoulle a posibilidade do 2-1 a Casas, despois de cometer o Liceo a décima falta. Máis tarde, diante dos continuos ataques dos visitantes, mantívose firme na liña.

Parecían pouco probables as boas novas que finalmente chegarían, aínda que non duraron moito. O gol anotado por Rodríguez foi respondido inmediatamente por Arnau Xaus (3-1, minuto 35). Os de Ferran López reaccionaron así da mellor maneira ó golpe para seguir atacando. O Liceo, cunha gran defensa, impediu os seus obxectivos.

Non obstante, un despiste dos visitantes permitiu que Dava Torres completase o seu hat trick particular a seis minutos do final (4-1). Desde ese momento, os intentos do rival foron máis de corazón que de cabeza. O Deportivo Liceo foi quen de interpretalo e o partido rematou así, para ledicia dos milleiros de liceístas presentes.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

CALAFELL: Gerard Camps; Arnau Xaus, Joan Escala, Martí Casas, Sergi Miras (quinteto inicial), Oriol Palau, Jordi Ferrer, Humberto Mendes, Curro Fernández e Marc Solans (meta suplente).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e David Cantos Bonales. Mostraron tarxeta azul ó visitante Jordi Ferrer.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 5). 2-0 (César Carballeira, min. 25). 3-0 (Àlex Rodríguez, min. 35). 3-1 (Arnau Xaus, min. 35). 4-1 (Dava Torres, min. 44).

OK Liga 22/23, Playoffs polo título. Segundo partido de Semifinais. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario