CRÓNICA OK LIGA | Dura derrota (5-4)

CRÓNICA OK LIGA | Dura derrota (5-4)

O finalista polo título decidirase no quinto partido da serie. Así será despois da dolorosa derrota do Deportivo Liceo en Noia. O Pazo dos Deportes albergará o vindeiro martes (20:30h) un choque totalmente decisivo.

Na acción inicial do cuarto, os verdibrancos saíron a pista con afán dominador e concentrados ó máximo. Sacaron proveito de tódalas súas posesións e non deixaron un segundo de calma a Blai Roca. Primeiro probouno Dava Torres cunha dobre ocasión e, no minuto 5, Jordi Adroher superouno. Un 0-1 xenialmente definido tras roubo e pase de Di Benedetto.

Moi pouco despois, o propio Mago dobrou a vantaxe ó aproveitar a directa froito dunha azul a Roc Pujadas. O guion non podía ser máis distinto ó do terceiro partido. Sen embargo, o Noia reaccionou e tamén esixiu a Carles Grau. Primeiro fíxoo Eloi Mitjans e posteriormente o mencionado Pujadas, aínda que o meta liceísta mantívose firme.

Desafortunadamente, o conxunto de Pere Varias logrou anotar cando a primeira metade seguía viva por décimas de segundo. Fíxoo Adrià Ballart. Comezou unha dinámica que á postre vencería ó Liceo.

Golpes nos peores momentos

O hockey si sorriu ós coruñeses no comezo da segunda metade. Anotaron mediante Àlex Rodríguez nada máis regresar e Carles detivo tódalas oportunidades locais. Polo menos ata que Aleix Esteller (minuto 34) baixou a distancia. Rodríguez, coa mente fría, devolveu a renta pouco despois (2-4).

O Noia remontou nos últimos instantes de xogo

Os derradeiros dez minutos cambiaron radicalmente o partido. Un penalti de Xavi Costa colocou o 3-4. A falta de tres, un erro significou o empate de Esteller. Para colmo, a falta de poucos segundos, Eloi Mitjans superou a Carles Grau de disparo lonxano. Xa con cinco en pista, o Liceo non foi quen de sobrevivir.

FICHA TÉCNICA

CE NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Roc Pujadas (quinteto inicial), Xavi Costa, Eloi Mitjans, Alex Joseph, Adrià Ballart e Xus Fernández (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), César Carballeira, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Burgaya e Martín Garaboa (meta suplente).

ÁRBITROS: Mayor Oliván e Burgos Manotas. Mostraron cartón azul ós locais Roc Pujadas e Jordi Bargalló.

GOLES: 0-1 (Jordi Adroher, min. 5). 0-2 (Jordi Adroher, min. 7). 1-2 (Adrià Ballart, min. 25). 1-3 (Àlex Rodríguez, min. 27). 2-3 (Aleix Esteller, min. 34). 2-4 (Àlex Rodríguez, min. 35). 3-4 (Xavi Costa, de penalti, min. 40). 4-4 (Aleix Esteller, min. 47). 5-4 (Eloi Mitjans, min. 50).

OK Liga 21/22, Playoff polo título, Partido 4 de Semifinais. Olímpic de l’Ateneu (Noia).

Deixa un comentario