Tocou o día no que pasou case todo o malo imaxinable. Afortunadamente con remedio. O Deportivo Liceo foi derrotado polo Noia no terceiro partido de semifinais de OK Liga e deberá afrontar un cuarto (domingo, 12:30h). Outra oportunidade para vencer e meterse na final.
O asubío inicial deu paso a poucos minutos de tanteo con mala conclusión. Ós cinco, Jordi Bargalló logrou adiantar ó Noia grazas a un disparo lonxano. Dificultades para os homes de Juan Copa. Non significou a súa rendición, xa que Blai Roca debeu intervir en varias ocasións ante bos disparos de Àlex Rodríguez (man a man escorado) e Jordi Adroher.
Jordi Bargalló adiantou ó Noia ós cinco minutos
Os locais, alertados por iso, aproveitaron o ambiente do Olímpic de l’Ateneu para sacrificarse máis a nivel físico. Utilizárono para incomodar ó Liceo cun xogo que anulaba a acción. O descanso chegou así.
Un Noia acertado na bóla parada
Os verdibrancos regresaron motivados e rozaron o empate nunha ocasión moi clara de Jordi Adroher e Dava Torres. Unha boa declaración de intencións que, desafortunadamente, durou pouco e non por demérito seu.
Dous penaltis e dúas directas derrotaron ó Liceo tras un gran inicio de segunda parte
Foi cando comezou o gran acerto a bóla parada do conxunto de Pere Varias. Dez minutos nos que esa disciplina ofreceu catro goles. Dous foron para Xavi Costa (un de penalti e outro tras pena máxima) e outros dous para Eloi Mitjans (faltas directas).
Xa sen tempo para reaccionar, o Deportivo Liceo optou por aforrar esforzos para o cuarto partido. O terceiro finalizou con 6-0 despois de que Roc Pujadas transformara unha boa xogada individual.
FICHA TÉCNICA
CE NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Roc Pujadas (quinteto inicial), Xavi Costa, Eloi Mitjans, Alex Joseph, Adrià Ballart e Xus Fernández (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Maxi Oruste, Jordi Burgaya, Nanu Castro, Jordi Adroher e Martín Garaboa (meta suplente).
ÁRBITROS: Cantos Bonales e De la Hera Jáudenes. Mostraron cartón azul ós liceístas Jordi Burgaya e Dava Torres.
GOLES: 1-0 (Jordi Bargalló, min. 5). 2-0 (Xavi Costa, de penalti, min. 32). 3-0 (Eloi Mitjans, min. 34). 4-0 (Xavi Costa, min. 36). 5-0 (Eloi Mitjans, min. 37). 6-0 (Roc Pujadas, min. 39).
OK Liga 21/22, Playoff polo título, Partido 3 de Semifinais. Olímpic de l’Ateneu (Noia).