CRÓNICA OK LIGA (X13) | Dura derrota ante o Noia (3-1)

CRÓNICA OK LIGA (X13) | Dura derrota ante o Noia (3-1)

7 de xaneiro de 2024


Os resultados da xornada deixan ó Deportivo Liceo fóra da próxima Copa do Rei.

Nada lle saíu ben ó Deportivo Liceo. Nin o seu propio partido nin os que completaban a xornada. Pechouse a primeira volta, así como a clasificación para a Copa do Rei de 2024. Un torneo no que non estarán os verdibrancos a pesar da súa oitava posición na OK Liga. A condición de anfitrión do Calafell, pese á súa novena praza, provoca a súa entrada.

Os coruñeses loitarán agora nos dous torneos que lles restan: a propia OK Liga e a WSE Champions League. Precisamente, o próximo xoves regresará Europa coa visita á pista do Forte italiano (20:45h).

Un bo inicio

A cousa non rematou como comezou, e é que o fixo do mellor xeito. Un Liceo ambicioso saíu ó Olímpic de l’Ateneu acosando con perigo a meta defendida por Blai Roca, decisivo nada máis comezar nunha ocasión de César.

Dava Torres adiantou ó Deportivo Liceo no minuto 17

Precisamente foi o número 5 un dos responsables do 0-1 visitante. Carballeira avanzou polo costado dereito, atopou ó regresado Dava Torres e o capitán rematou con efectividade. Minuto 17 con boas novas. As mesmas que chegaron ó descanso, aínda que os segundos 25 minutos o cambiarían todo.

Remontada local

A volta á pista non foi positiva. No minuto 28, Aleix Esteller logrou empatar ó desviar correctamente un disparo inicial de Xavi Costa. A pesar da acumulación de faltas por parte do conxunto de Pere Varias, a súa xestión posterior evitou que a décima chegara con demasiado partido por diante.

O empate de Esteller e o rápido dobrete de Rovira truncaron as posibilidades liceístas

A concatenación de malas novas deixou un minuto clave. Gol anulado a Dava no 37 posteriormente seguido por un legal de Xavi Rovira. Os resultados alleos tampouco acompañaban, nin o acabarían facendo. O propio Rovira anotou o 3-1 pouco despois e a anunciada falta directa liceísta foi detida por Roca. Así acabou, a pesar dos últimos intentos verdibrancos.

A OK Liga volverá para os liceístas o próximo domingo 14, cando visitará o Les Comes do Igualada (16:00h).

FICHA TÉCNICA

NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Iván Morales (quinteto inicial), Xavi Costa, Martí Gabarró, Humberto Mendes, Xavi Rovira e Jan Marimon (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván y Alberto Pérez Pérez. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 17). 1-1 (Aleix Esteller, min. 28). 2-1 (Xavi Rovira, min. 37). 3-1 (Xavi Rovira, min. 41).

OK Liga 23/24. Xornada 13 da Fase Regular. Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní).

Deixa un comentario