CRÓNICA | Nove de nove (1-4)

CRÓNICA | Nove de nove (1-4)

Imaxe: Eva Pedrola.

Defina perfección. O Deportivo Liceo non é que a roce, é que ata o momento está na súa man. A novena vitoria consecutiva do equipo coruñés chegou en Noia (1-4), fazaña que lle permite continuar no posto máis alto da OK Liga, e ademáis cunha vantaxe de 5 puntos con respecto ó segundo clasificado.

O partido foi en Torrelavit, recinto de excepción para o equipo local dirixido por Ferran López, pero os xogadores de Juan Copa saíron á pista co máximo dos respetos. Concentrados en todo momento, xa foron capaces de adiantarse ós seis minutos do comezo da acción. O que colou a bóla foi Dava Torres, que viu porta unha xornada máis, pero a xogada individual previa de Adroher foi medio gol.

O Noia reaccionou, e incluso estivo a punto de neutralizar o tanto liceísta. A máis clara dos locais, sen embargo, foi un dous contra Carles Grau que acabou en nada. De feito, o contraataque do Liceo estivo a punto de traer o 0-2.

Ambos equipos cargáronse de infraccións, ata o punto de alcanzar as 8 e as 9 respectivamente con só 13 minutos disputados. A escadra coruñesa alcanzou a décima tres despois, pero a falta directa de Roc Pujadas foi parada polo sempre seguro Carles Grau. Non tardou en tocarlle o turno ó Deportivo Liceo. Adroher fallou, pero poucas xogadas despois, Dava Torres estableceu o 0-2 (minuto 19) e o seu dobrete particular.

Unha excelente xestión da vantaxe

O minuto loco que foi o 9 da segunda metade deixou dúas novas faltas directas, unha para cada contendente e unha para cada Jordi. Adroher errou de novo, pero o local Ferrer tamén se topou co ferro da portería liceísta. O conxunto coruñés foi quen de xestionar a súa vantaxe de dous tantos, axudada por unha inferioridade temporal froito dun cartón azul a Manrubia. Solidez total.

As cousas complicáronse cando o protagonista do cartón azul pasou a ser Maxi Oruste. Grau detivo un novo intento de gol do mencionado Pol Manrubia, xa regresado á pista, pero os xogadores de Juan Copa tiveron que afrontar os minutos correspondentes con catro homes. Solventáronse de forma óptima.

Adrià Ballart puxo a emoción cun gol a cinco minutos do final (1-2), pero Adroher si puido transformar a súa terceira falta directa (1-3). Tamén a cuarta, que plasmou o 1-4 definitivo. O partido rematou bronco, con azul mediante para o local Xavi Costa e diversos incidentes.

Continúan as vitorias e a estancia no primeiro posto, pero tamén os compromisos. Ó Liceo tocaralle regresar, por fin, ó Pazo dos Deportes para recibir ó Girona.

FICHA TÉCNICA

CE NOIA FREIXENET: Chus Fernández, Aleix Esteller, Xavi Costa, Jordi Ferrer, Pol Manrubia (cinco inicial), Roc Pujadas e Adrià Ballart

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher (cinco inicial), Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste e Marc Grau.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 6). 0-2 (Dava Torres, min. 19). 1-2 (Adrià Ballart, min. 45). 1-3 (Jordi Adroher, min. 47). 1-4 (Jordi Adroher, min. 49).

ÁRBITROS: Sánchez García e Díaz Cosme. Mostraron cartón azul a Pol Manrubia e ó adestrador Ferran López, ambos do Noia. No Deportivo Liceo viuna Maxi Oruste.

INCIDENCIAS: Encontro correspondente á xornada 10 da OK Liga 20/21. Pavelló Municipal de Torrelavit, 40 espectadores.

Deixa un comentario