CRÓNICA | Despedida con derrota (3-0)

CRÓNICA | Despedida con derrota (3-0)

Sabor agridoce na derradeira píldora da competición doméstica, que lle trouxo ó Deportivo Liceo unha derrota ante o Lleida de Albert Folguera. O conxunto coruñés remata así con 76 puntos e na segunda posición, igualando ó mellor de toda a historia.

Pouco tivo que ver o ritmo do partido co seu contexto. Nada se xogaba ninguén no clasificatorio, pero a acción foi intensa por parte dos dous equipos. Martí Serra e Martín Garaboa (que ocupou o posto de Carles Grau) deberon traballar a tope desde o principio para manter a cero as súas porterías.

O conxunto de Juan Copa amosou a mesma defensa sólida do resto da tempada, aínda que Bruno Di Benedetto rozou o 1-0 a falta de dous minutos para o descanso. Martín impediuno cunha excelente intervención para que a primeira metade rematara sen goles. Por parte visitante, o que rozou o 0-1 foi Maxi Oruste.

Igualdade e intensidade

Non existiu moita diferenza no guion do segundo acto. Lleida e Liceo ofreceron un hockey entretido e con ocasións, sendo a máis clara para César Carballeira. A falta de 18 minutos para o final, o xogador coruñés gozou dun man a man que Martí Serra detivo de forma moi segura. Pouco despois, Dava Torres tamén tivo a oportunidade de adiantar ós verdibrancos no marcador.

Sen embargo, o que logrou dar o golpe foi o cadro de Albert Folguera. Joan Cañellas, a doce minutos da conclusión, enviou á rede un bo envío para desequilibrar a grande igualdade que caracterizou ó encontro. Provocou que o Liceo asumira máis riscos, polo que a acción foi máis aberta. Existiron ocasións para empatar, pero o Lleida conseguiu dobrar a súa vantaxe. Foi Oriol Vives no rexeite dun penalti que el mesmo lanzou, para pouco despois establecer o 3-0 definitivo cun bo disparo á escadra esquerda de Martín.

Así rematou a OK Liga 20/21 para o Deportivo Liceo, pero sen manchar o seu excepcional rendemento. Resta agora a Copa do Rei, que comezará o vindeiro 10 de xuño.

FICHA TÉCNICA

LLEIDA: Martí Serra, Bruno Di Benedetto, Andreu Tomàs, Joan Cañellas, Josep Selva (quinteto inicial), Oriol Vives, Sergi Folguera e Sergi Duch.

DEPORTIVO LICEO: Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Jordi Adroher, Fabri Ciocale e Marc Grau.

ÁRBITROS: Escobar López e Tavera Bellido. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Joan Cañellas, min. 38). 2-0 (Oriol Vives, min. 49). 3-0 (Oriol Vives, min. 50).

INCIDENCIAS: Xornada 30 (final) da OK Liga 20/21. Pavelló Poliesportiu de Bell-lloc d’Urgell. 100 espectadores.

Deixa un comentario