CRÓNICA OK LIGA (X24) | Gran esforzo sen premio (4-4)

CRÓNICA OK LIGA (X24) | Gran esforzo sen premio (4-4)

20 de abril de 2024


Un gol a 20 segundos do final priva ó Deportivo Liceo da vitoria.

Bruno Saavedra e Àlex Rodríguez foron os grandes protagonistas do partido. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Non houbo sorte no tramo de clausura dun encontro heroico por parte do Liceo de Juan Copa. Finalmente suma un punto na antepenúltima xornada da Fase Regular para acumular un total de 42, seis menos có segundo clasificado a falta de seis por xogar.

Ese segundo clasificado é o Noia, que precisamente visitará Riazor para pechar a Fase. Previamente, o Deportivo Liceo deberá viaxar á pista do Alcoi (domingo 28, 18:30h).

Contra o factor dos ex

Inesperada foi a baixa de Dava Torres, convalecente dunha lesión no xeonllo. O partido comezou sen el, aínda que a mala nova tamén implicou unha boa: o regreso ás convocatorias de Bruno Saavedra, recuperado por fin da lesión do escafoides que o mantivo á marxe durante varios meses. Acabaría sendo un dos grandes protagonistas.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O xoven dorsal 13 do conxunto de Juan Copa participou ó cuarto de hora nun encontro que comezou igualado. A balanza tiña que desequilibrarse e foi do lado do Voltregà, que a través de dous ex do Liceo se colocou cun 0-1 a favor. Jordi Burgaya disparou e Àlex Rodríguez recolleu a bóla rexeitada para superar a Martí.

Non foron poucos os intentos do Liceo para empatar. O máis claro veu do stick de Sito Ricart, que rematou ó poste esquerdo de Codony un gran pase de Fabri Ciocale. César Carballeira tamén rozou a igualada cun bo intento desde detrás da portería, pero o descanso chegou co 0-1 parcial.

A heroica e a decepción

Máis dificultades apareceron ó chegar o inicio do segundo acto. O Liceo tivo que comezar cun xogador menos debido a unha azul vista por Tombita durante o descanso. A pesar de sobrevivir ó power play en contra, César rozou o empate nunha ocasión de man a man. Non tivo moita sorte. A que si desfrutou o Voltregà co 0-2 de Èric Vargas (minuto 29).

Bruno celebra un dos seus dous goles. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A resposta de Pablo Cancela, sen embargo, foi inmediata. Colocou o 1-2 cunha volea e devolveu o guión anterior de igualdade. Un que tamén acabaría extinguindo Àlex Rodríguez, autor do seu segundo gol e do 1-3.

A partir de aquí, a heroica. Fran Torres recortou distancias no 39 cunha volea a pase de Fabri Ciocale. Foi entón cando apareceu Bruno Saavedra, que en cuestión dun minuto logrou unha remontada parcial de épica.

Só o último gran esforzo do Voltregà impediu o final feliz. Rodríguez, a 20 segundos do final, superou a Martí Serra cun forte disparo e cando os branquiazuis xa atacaban con cinco de pista. O 4-4 foi o resultado final.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Bruno Saavedra, Guido Pellizzari, Fran Torres e Tiago Rodrigues (meta suplente).

VOLTREGÀ: Oriol Codony; Èric Vargas, Jordi Burgaya, Gerard Teixidó, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Lluc Sitjà, Aleix Molas, Humbert Serra e Miquel Estrada (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Pablo Nicieza Elosegui. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Fran Torres.

GOLES: 0-1 (Àlex Rodríguez, min. 10). 0-2 (Èric Vargas, min. 29). 1-2 (Pablo Cancela, min. 29). 1-3 (Àlex Rodríguez, min. 34). 2-3 (Fran Torres, min. 39). 3-3 (Bruno Saavedra, min. 45). 4-3 (Bruno Saavedra, min. 45). 4-4 (Àlex Rodríguez, min. 50).

OK Liga 23/24. Xornada 24 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario