CRÓNICA | Triunfo de paciencia (4-0)

CRÓNICA | Triunfo de paciencia (4-0)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

A desesperación e as súas derivadas non son boas compañeiras de viaxe. Aplicado está polo Deportivo Liceo, que desgastou de forma paciente a muralla defensiva dun correoso Voltregà para sumar a súa segunda vitoria consecutiva en OK Liga. Tres puntos que serven para alzarse con dez, e así afianzarse na zona alta da táboa (actualmente, na segunda posición).

Xa avisou Juan Copa da boa defensa e das transicións do equipo de Manolo Barceló, e así foi. O meta Linu Luzón brillou e detivo todo o que non anularon os seus compañeiros. Se non era así, aparecían os ferros. Degustounos Maxi Oruste cunha definición que golpeou o longueiro e botou na liña de gol.

Mentres, os visitantes procuraron facer dano con esas transicións. Unha rematou en penalti, pero un enorme Carles Grau evitou o gol de Arnau Canal e fixo vibrar a Riazor.

Contra a muralla de Linu Luzón

Dava Torres regresou á competición oficial e tanto el como o resto de liceístas (arroupados por máis dun millar de afeccionados) continuaron o acoso ofensivo ó Voltregà. O seu porteiro foi o máximo responsable de que o 0-0 aguantara ata o descanso. Entre outros motivos, pola pena máxima que lle detivo a Jordi Adroher.

César Carballeira celebra o 3-0. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Sen embargo, o propio Adroher foi o encargado de romper definitivamente a muralla branquiazul. Marcou o 1-0 no minuto 30, un tanto importante que desmoralizou ó rival. El mesmo anotou o 2-0 pouco despois, grazas a unha falta directa marca da casa. César Carballeira tamén asistiu á festa co 3-0. Xa co partido totalmente controlado, o Mago colocou o 4-0 definitivo (directa) a falta dun minuto.

Vitoria e dez puntos de doce posibles antes dunha semana de dobre compromiso. Juan Copa e os seus xogadores deberán visitar ó Igualada (martes 12, 21:00h) e recibir ó Reus Deportiu (sábado 16, 17:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Maxi Oruste, Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste (quinteto inicial), Dava Torres, Marc Grau, Jordi Burgaya e Àlex Rodríguez.

CP VOLTREGÀ: Linu Luzón; Eric Vargas, Aleix Molas, Gerard Teixidó, Marc Palazón (quinteto inicial), Roger Font, Humbert Serra e Arnau Canal.

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Juan Iglesias Vallina. Mostraron cartón azul a Àlex Rodríguez (Deportivo Liceo) e a Marc Palazón (Voltregà).

GOLES: 1-0 (Jordi Adroher, min. 30). 2-0 (Jordi Adroher, min. 33). 3-0 (César Carballeira, min. 38). 4-0 (Jordi Adroher, min. 49).

Xornada 4 da OK Liga 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña). 1.500 espectadores.

Deixa un comentario