CRÓNICA | O filial non se rende (5-3)

CRÓNICA | O filial non se rende (5-3)

Imaxe: Cristian Fernández.

Vitoria de mérito para o Liceo de Stanis García fronte ó CP Tordera (5-3), despois de responder á remontada do conxunto catalán cunha propia. Estes tres puntos colocan ó filial verde con 17, un menos có líder Sant Just.

O inicio igualado entre o Liceo e o Tordera, presenciado en vivo por Juan Copa e varios xogadores dos “maiores”, foi roto por unha falta directa ós 10 minutos. Permitiu adiantarse ós primeiros. O autor foi Danilo, responsable dun dos goles do primeiro equipo na tempada, que superou ó meta Alain Rivero (a pesar de que Arnau Anglas comezara de inicio). Rozou o empate o conxunto de Xavi González nun man a man, pero Mati Bridge estivo atento.

Sumouse á lista de goleadores outro dos habituais do primeiro equipo: Pablo Parga, autor do 2-0 (minuto 22) tras unha acción embarullada que, en caso de non entrar, probablemente fora catalogada como penalti.

Remontada á remontada

O minuto 32 de partido e o acontecido a partir de entón fixeron honra á tolemia. O visitante Miquel Grau logrou acortar distancias co 2-1 e Danilo estivo a punto de recuperar a vantaxe tras o saque, pero a súa definición pegou no pao. Non errou Jordi Criado, que segundos despois empatou o encontro, e Pablo Torres rozou a remontada. Non puido superar a Bridge, pero si o fixo Eloi Roura (minuto 43) nun lanzamento de penalti.

O Tordera completaba a fazaña momentáneamente, pero Aldo Mejía nivelou o marcador (3-3) de forma instantánea e Fran Torres puxo a guinda co seu gol. Co Tordera xa quemando as naves, Parga sumou o seu segundo tanto particular e estableceu o 5-3 definitivo.

O próximo compromiso do equipo de Stanis García pasará por visitar ó Vilafranca, un dos equipos máis potentes do Grupo Norte da OK Prata. Terá lugar o fin de semana do 12 de decembro.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO B: Mati Bridge, Dani López, Carlos Alonso, Nanu Castro, Álex Novoa (cinco inicial), Aldo Mejía, Fran Torres, Pablo Parga e Rubén Martín.

CP TORDERA: Arnau Anglas, Pablo Torres, Albert Ramos, Miquel Grau, Héctor Giménez (cinco inicial), Jordi Criado, Alain Rivero, Eloi Roura, Arnau Bertrán e Albert Hernández.

GOLES: 1-0 (Dani López, min. 9). 2-0 (Pablo Parga, min. 22). 2-1 (Miquel Grau, min. 32). 2-2 (Jordi Criado, min. 33). 2-3 (Eloi Roura, min. 43). 3-3 (Aldo Mejía, min. 44). 4-3 (Fran Torres, min. 47). 5-3 (Pablo Parga, min. 49).

ÁRBITROS: Díaz Sánchez e Mier Sánchez. Mostraron cartón azul a Héctor Giménez por parte do Tordera.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á cuarta xornada da OK Plata 20/21 (Grupo Norte). No seu día adiouse pola situación sanitaria. Pavillón de Elviña (A Coruña), 30 espectadores.

Deixa un comentario