10 de novembro de 2024
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo de Juan Copa vence ó Sant Just grazas ó gol de Dava Torres e á gran actuación de Martín en portería.
A loita valeu a pena. O Liceo sumou novamente de tres con Riazor como protagonista e o Sant Just como un gran reto que puxo as cousas difíciles ata o final. Unha vitoria pola mínima pero de mérito incuestionable para os homes de Juan Copa, que afrontarán do mellor xeito posible a semana de dous partidos que se achega.
Os verdibrancos ascenden así á quinta praza da clasificación grazas ós nove puntos sumados ata agora.
Gol moi cedo
Había ganas de gañar. Facían falta feitos e o capitán Dava Torres non tardou en darllos ó equipo cun gran gol ós escasos dous minutos de partido, tras recoller a bóla no costado dereito e enviala á escadra longa do meta Elagi Deitg. O certo é que o Liceo, defendido de novo en portería por un Martín Rodríguez decisivo, non parou de buscar tanto ese primeiro gol como un segundo ou un terceiro.
Un deles estivo a punto de chegar ata en dúas ocasións moi claras, destacables dentro das numerosas que protagonizou o cadro de Juan Copa en toda a primeira metade. Nil Cervera e César Carballeira, este último tras unha azul ó exliceísta Sito Ricart, non puideron transformar sendos penaltis. Ó número 2 tamén lle anularon un gol por falta previa.
Tocou resistir
O Liceo sabía que unha nova diana facilitaría realmente as cousas. Iso buscou tras lograr o 1-0 e iso continuou a facer ó volver a pista na segunda metade. Un bo Deitg, sen embargo, detivo tódalas ocasións dos de verde. As máis claras foron para o Tato Ferruccio e Arnau Xaus, que gozaron tanto dun man a man como dunha directa.
Sen embargo, o protagonista foi o dorsal 1. Tamén o 10 de Martí Serra, que ingresou simplemente para deter unha falta directa de Joan Pujalte. Chegar e encher, como se soe dicir. Ó regresar Martín seguiu a exhibición. Dúas paradas co stick nos últimos cinco minutos e unha decisiva a Cabezas a falta de 9 segundos, co Sant Just xa atacando con cinco homes, oficializaron o triunfo local.
Ó Liceo agárdalle agora unha esixente semana con dous novos partidos de Fase Regular. A sétima xornada levaralle a Alpicat (mércores 13, 20:00h), mentres que o domingo 17 o hockey regresará a Riazor coa visita do Calafell (12:00h, oitava data).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martín Rodríguez; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martí Serra (meta suplente).
SANT JUST: Elagi Deitg; Xavi Crespo, Sito Ricart, Joan Pujalte, Iñaki Cabezas (quinteto inicial), Borja López, Álex Joseph, Xavi Burguillos, Gerard Miquel e Dídac Sánchez (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Mostraron tarxeta azul a César Carballeira por parte do Deportivo Liceo. No Sant Just viuna Sito Ricart.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 2).
INCIDENCIAS: Xornada 6 da OK Liga 24/25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).