O inicio impecable de OK Liga do Deportivo Liceo continúa vivo. O seu novo coletazo ocorreu no Pazo dos Deportes, onde Juan Copa e os seus lograron dobregar ó PHC Sant Cugat para sumar doce puntos de doce. Mellor imposible.
Co asubío do árbitro case chegou o terceiro tanto liceísta nun primeiro minuto de partido. Rozouno Dava e evitouno maxitralmente Gilabert sacando a bóla entre paus co seu stick. Este aviso deu paso a un xogo igualado con ocasións para ambos.
O Sant Cugat colocouse por diante no marcador ós dez minutos de partido
O primeiro en perforar unha rede foi o Sant Cugat grazas a Pol Galbas. O dorsal 5 visitante axenciouse da posesión, avanzou polo costado esquerdo e superou a Martí Serra cun disparo potente.
Aínda así, o Deportivo Liceo non tardou en reaccionar. En tan só dous minutos, Bruno Di Benedetto e Arnau Canal déronlle a volta ó asunto. O primeiro cunha xenial definición desde detrás da meta de Bonneau e o segundo cun misil desde a dereita que entrou polo pau corto. Posteriormente, un cartón azul a César Carballeira con posterior directa errada por Gilabert obrigou ó Liceo a defender con tres de pista. Logrouno. O 2-1 sobreviviu ata o descanso.
Aparición de Fabri
Ese Sant Cugat correoso e descarado da primeira metade durou poucos minutos na segunda. O que tardou Àlex Rodríguez en anotar o 3-1 con outro misil marca da casa desde o punto da directa.
O 3-1 de Àlex Rodríguez, logrado de falta directa, desequilibrou o partido a favor do Liceo
Desde ese momento apareceu o fenómeno Fabri Ciocale, autor dun hat trick de gran calidade. Primeiro cun remate desde fóra da área, logo cunha definición que enganou a Bonneau e para terminar con outro misil desde a zona (6-1). Pechou aínda máis o partido o recente mundialista Dava Torres, autor do 7-1 definitivo.
A OK Liga regresará o vindeiro venres día 30 cunha visita de gran nivel. Toca a pista do Noia (21:00h).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Bruno Di Benedetto, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
SANT CUGAT: Baptiste Bonneau; Joan Farnés, Carles Domenech, Pau Gilabert, Xavier Serrallonga (quinteto inicial), Tomás Villares, Pol Galbas, Abel Moya, Lucas Vicen e Max Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Sánchez García e Mier Sánchez. Mostraron cartón azul ó liceísta César Carballeira e ó visitante Pol Galbas.
GOLES: 0-1 (Pol Galbas, min. 10). 1-1 (Bruno Di Benedetto, min. 13). 2-1 (Arnau Canal, min. 15). 3-1 (Àlex Rodríguez, min. 30). 4-1 (Fabri Ciocale, min. 33). 5-1 (Fabri Ciocale, min. 37). 6-1 (Fabri Ciocale, min. 40). 7-1 (Dava Torres, min. 46).
OK Liga 22/23, Xornada 4. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).