CRÓNICA #OKLiga (X3) | Regreso ó triunfo pola porta grande (8-2)

CRÓNICA #OKLiga (X3) | Regreso ó triunfo pola porta grande (8-2)

14 de outubro de 2023


César celebra un dos seus dous goles do partido. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo vence con contundencia ó recén ascendido Hockey Rivas, suma seis puntos sobre nove e continúa o seu pleno de triunfos como local.

Un clavo saca outro clavo, así que o Deportivo Liceo de Juan Copa trasladou o dito á pista. Nada mellor para esquecer a derrota pasada en Calafell que un claro triunfo en casa. Este 8-2 fronte ó Hockey Rivas, recén ascendido, devolveu ós verdibrancos á senda do triunfo e continuou o pleno que polo momento supoñen os seus partidos como local.

Venceu con autoridade sen Bruno Saavedra (recén operado da súa lesión de escafoides) e Dava Torres. O capitán sentouse no banco, pero non xogou por precaución. Achéganse agora dúas saídas consecutivas: primeiro a Sant Just (sábado 21, 20:00h) e despois a Mataró (sábado 28, 20:30h).

Titularidade produtiva para o 9

Non se pode dicir que Fabri Ciocale non aproveitou a súa saída como titular. O dorsal 9 foi o protagonista de todo un hat trick. Na estrea, contra o Igualada, logrouno Pablo Cancela. Agora o arxentino. O primeiro chegou no minuto 3, despois anotou César (penalti) e rematou o propio Fabri, que na segunda metade colocaría a guinda ó pastel. Marcador con 3-0 cando aínda non pasaban 10 minutos.

Os xogadores do Deportivo Liceo saíron á pista cunha camiseta de apoio a Bruno Saavedra, recentemente operado da súa lesión de escafoides. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Irónicamente, foi o marcador que sobreviviu ata o descanso. O Pazo dos Deportes de Riazor (cunha representación vida de Madrid para apoiar ó Rivas) disfrutou dun Liceo dominador e seguro que non ofreceu debilidades. Entre outros, Tiago Rodrigues ocupouse de que así fora.

Máis efectividade

O terceiro de Ciocale, como na primeira parte, chegou ós tres minutos do asubío dos árbitros. Este 4-0 non fixo máis que acentuar a superioridade coruñesa. Non foron os últimos goles: César anotou o 5-0 e Pablo Cancela o 6-0 de falta directa.

Co encontro virtualmente perdido, o técnico Carlos Cortijo repartiu minutos e cambiou a portería. Jorge Nájera substituíu a Castañer e o equipo, sen nada que perder, atopou a rede de Tiago. Bernat Yeste marcou de penalti (6-1) antes de que Pablo Cancela roubase unha bóla na esquerda e batese ó novo gardián para sumar o 7-1.

Para finalizar, Adrián Pos acurtou distancias e Tomás Pereira recuperounas. Un 8-2 final que representou ben o visto en Riazor.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Dava Torres, Fran Torres e Martí Serra (meta suplente).

HOCKEY RIVAS: Marc Castañer; Alex Joseph, Bernat Yeste, Sergio Martín, Curro Fernández (quinteto inicial), Gerard Escolà, Sergi García, Miguel Cañadillas, Adrián Pos e Jorge Nájera (meta suplente).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Pablo Nicieza Elosegui. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Pablo Cancela e ó visitante Curro Fernández.

GOLES: 1-0 (Fabri Ciocale, min. 3). 2-0 (César Carballeira, de penalti, min. 5). 3-0 (Fabri Ciocale, min. 7). 4-0 (Fabri Ciocale, min. 28). 5-0 (César Carballeira, min. 33). 6-0 (Pablo Cancela, min. 35). 6-1 (Bernat Yeste, de penalti, min. 40). 7-1 (Pablo Cancela, min. 46). 7-2 (Adrián Pos, min. 48). 8-2 (Tomás Pereira, min. 50).

OK Liga 23/24. Xornada 3 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario