CRÓNICA OK LIGA (X10) | Intensa loita sen premio (1-2)

CRÓNICA OK LIGA (X10) | Intensa loita sen premio (1-2)

3 de decembro de 2023


O Deportivo Liceo cae en Riazor ante un Reus sostido polo porteiro Ballart. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A loita sen descanso que demostrou o Deportivo Liceo de Juan Copa non obtivo premio. O Reus Deportiu conseguiu os tres puntos da súa visita a Riazor a base de solidez e unha portería excelentemente gardada por Ballart, o mellor xogador do partido.

Un traspés que coloca ós verdibrancos na sexta posición da OK Liga cos 15 puntos acumulados até o de agora. Pouco tempo haberá para lamentarse, xa que se aveciña unha intensa semana con dous partidos máis: Voltregà en Cataluña (mércores 6, 12:30h) e Alcoi en casa (sábado 9, 13:00h).

Dous erros fatais

As novas puideron ser boas nada máis empezar. No terceiro minuto, David Gelmà cometeu un claro penalti sobre Fabri que mandou a César ó lanzamento. Aí comezou a exhibición de Càndid Ballart, auténtico salvador do Reus durante os cincuenta minutos de xogo.

Guido Pellizzari debutou en partido oficial co Deportivo Liceo. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A derrota por entón parcial non detivo o asedio do Liceo, ataviado completamente de verde. Con Guido Pellizzari xa dispoñible e con boas prestacións, os locais non atoparon espazos entre a defensa e a meta rivais. Unha clara superioridade que non se traduciu no marcador. O que si se adiantou foi o Reus mediante o exverdibranco Maxi Oruste, solitario ante Martí Serra tras un erro da zaga.

Rozou o empate o cadro de Copa cando Pellizzari, nunha acción de mérito, forzou a azul do anteriormente mencionado Gelmà. Pablo Cancela dirixiuse á directa e o meta visitante mantívose forte. Aínda máis decisiva foi dita acción tralo gol que anotou Martí Casas no minuto 17 (0-2).

Ataque constante pouco produtivo

Un palo de Sito e varias ocasións de César e Tomás obrigaron ó Reus a manterse en alerta a pesar da súa vantaxe. Recortou distancias o dorsal 5 (hoxe capitán pola baixa de Dava) despois dunha cantidade inxente de oportunidades do Deportivo Liceo, deixando así unha gran cantidade de tempo para buscar o empate.

As numerosas oportunidades liceístas non serviron para superar a un moi bo Ballart. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A oportunidade de atopalo apareceu nun penalti do propio Tomás Pereira, que non foi quen de bater a Ballart. Os liceístas continuaron intentándoo con cada vez máis intensidade e riscos, aspecto que aproveitou o seu rival para montar varios contraataques de perigo.

Non tiveron éxito nin os uns nin os outros. Nin sequera cando os verdibrancos sacaron cinco de pista. O partido rematou con derrota, pero tamén co aplauso dunha grada de Riazor que valorou o esforzo dos seus.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Guido Pellizzari, Fran Torres, Jaime Méndez e Tiago Rodrigues (meta suplente).

REUS: Càndid Ballart; Sergi Aragonès, Marc Julià, Martí Casas, David Gelmà (quinteto inicial), Joan Salvat, Maxi Oruste, Diego Rojas, Arnau Canal e Nil Viña (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Pablo Nicieza Elosegui. Mostraron tarxeta azul a César Carballeira (Deportivo Liceo) e David Gelmà (Reus).

GOLES: 0-1 (Maxi Oruste, min. 9). 0-2 (Martí Casas, min. 17). 1-2 (César Carballeira, min. 32).

OK Liga 23/24. Xornada 10 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario