CRÓNICA | Nunca renderse (4-3)

CRÓNICA | Nunca renderse (4-3)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Loitar ata a fin está no ADN do Deportivo Liceo. Viuse unha mostra más diso contra o Reus Deportiu, vítima dunha remontada heroica dos xogadores de Juan Copa. Son xa catro vitorias consecutivas que suman 16 puntos de 18 posibles, útiles para permanecer na segunda posición da OK Liga.

Ante os seus antigos compañeiros, Àlex Rodríguez comezou motivado e probou a Càndid Ballart nun man a man. Unha mostra do empuxe liceísta inicial, transformado nun penalti ós catro minutos. César Carballeira foi derrubado e o propio Rodríguez asinou o 1-0, para delicia dos aproximadamente 2.000 afeccionados presentes. Non detivo as intencións locais, que buscaron o segundo.

Desafortunadamente, Marc Juliá empatou para o Reus cinco minutos despois. O tanto animou ó conxunto de Jordi García, gozoso posteriormente dunha falta directa (con azul a Carballeira). Carles Grau fíxose enorme, aínda que non puido evitar a remontada reusense. O gol foi de Compagno no 10.

O Deportivo Liceo reaccionou. Achegouse novamente ós dominios de Ballart para, finalmente, nivelar o marcador. A diana foi de Jordi Burgaya no segundo pau e a pase de Dava Torres. Tras unha etapa de igualdade, Ferran Giménez obsequiou ós seus compañeiros co 2-3 que chegaría ó descanso.

Àlex Rodríguez celebra o 1-0. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Un duro rival

Reapareceu a grandeza de Carles Grau para darlle vida ó Liceo en forma de parada, unha vez que Marc Juliá gozou dunha falta directa. Entón, ofensiva local. Ballart detivo un penalti de Àlex Rodríguez, Dava Torres disparou ó pau e os colexiados anularon un gol de Jordi Adroher por patín.

Os ataques non pararon e o Reus optou por sobrevivir a base de contras. Non foi útil. Acougotado, non puido evitar o gol de Marc Grau para empatar (minuto 42). El mesmo foi o encargado do 4-3, resultado dunha xusta e loitada remontada.

A vindeira proba do Deportivo Liceo de Juan Copa será de dificultade máxima: visitar ó Barça no Palau Blaugrana.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Maxi Oruste, Dava Torres, Marc Grau e Jordi Burgaya.

REUS: Càndid Ballart; Joan Salvat, Francesco Compagno, Marc Juliá, Raúl Marín (quinteto inicial), Diego Rojas, Ferran Giménez, Felipe Castro e David Gelmà.

ÁRBITROS: Fernández García e Rivas Martín. Mostraron cartón azul a César Carballeira (Deportivo Liceo) e Raúl Marín (Reus).

GOLES: 1-0 (Àlex Rodríguez, min. 4). 1-1 (Marc Juliá, min. 9). 1-2 (Francesco Compagno, min. 10). 2-2 (Jordi Burgaya, min. 14). 2-3 (Ferran Giménez, min. 22). 3-3 (Marc Grau, min. 42). 4-3 (Marc Grau, min. 45).

Xornada 6 da OK Liga 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña). 2.000 espectadores.

Deixa un comentario