CRÓNICA | Gran mérito (6-2)

CRÓNICA | Gran mérito (6-2)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

O título xa non é posible, pero non borra o gran mérito do Deportivo Liceo de Juan Copa durante toda a tempada. Venceu ó Reus Deportiu de forma maxistral na penúltima xornada da OK Liga, última no Pazo, e alcanzou o máximo rexistro histórico do club na competición: 76 puntos. Ademáis, aínda poden ser superados na xornada final.

En canto á acción, pouco se agardou para ver hockey de nivel. O máximo realizador da categoría, Àlex Rodríguez, recordou a súa condición. Ós dous minutos non anotou, pero si enviou un gran disparo escorado á cruceta esquerda de Carles Grau. O Reus amosou o seu perigo innato, digno dun equipo tan goleador, aínda que o Liceo non foi menos. Dava Torres, por exemplo, replicou a oportunidade de Rodríguez cun man a man ben detido por Ballart.

A igualdade foi a tónica xeral do primeiro acto. Enfrontáronse dous equipos dominadores en varias facetas do xogo, polo que o 0-0 momentáneo estivo plagado de intensidade e oportunidades. O encargado de rompela no marcador foi Maxi Oruste (minuto 21) cun disparo que superou ó meta do Reus tras pegar no ferro.

Golpe e recuperación

Pouco tivo que ver o inicio da segunda metade co da primeira. Fabri Ciocale, ó minuto e medio do regreso, aproveitou un despexe de Càndid Ballart para enviar a bóla á rede e dobrar a vantaxe. O 2-0 foi a mellor das novas, aínda que Rodríguez recurtou distancias (2-1) cun disparo lonxano excepcional.

Parecía un atisbo de reacción para o conxunto catalán. Nada máis lonxe da realidade. Un minuto despois, o propio Fabri Ciocale ampliou a súa conta particular. César Carballeira, desde o punto de penalti e poucos segundos despois, asinou o 4-1. Tampouco pasou moito máis tempo para que Dava Torres sumara o quinto e oficializara a superioridade do Liceo, diferente ó guion da primeira metade. A guinda a unha recuperación perfecta, redondeada todavía máis co segundo na conta de Maxi Oruste (6-1).

O encontro xa estaba decidido, pero restou tempo para que Rubén Martín (xogador do filial) disputara minutos co primeiro equipo. Tamén para que Marc Julià maquillara o resultado para o Reus (6-2).

O Deportivo Liceo pechará a OK Liga 20/21 na pista do Lleida (sábado 29, 20:00h). Só un punto será necesario para asinar a mellor puntuación da historia do club.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Fabri Ciocale e Rubén Martín.

REUS DEPORTIU: Càndid Ballart, Romà Bancells, Àlex Rodríguez, Pablo Nájera, Marc Julià (quinteto inicial), Joan Salvat, Felipe Castro, Ferran Jiménez, Diego Rojas e Pablo Nájera.

ÁRBITROS: Sergi Mayor e Iván González. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Maxi Oruste, min. 13). 2-0 (Fabri Ciocale, min. 27). 2-1 (Àlex Rodríguez, min. 30). 3-1 (Fabri Ciocale, min. 31). 4-1 (César Carballeira, de penalti, min. 31). 5-1 (Dava Torres, min. 33). 6-1 (Maxi Oruste, min. 43). 6-2 (Marc Julià, min. 50).

INCIDENCIAS: Xornada 29 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor. 1.100 espectadores.

Deixa un comentario