Imaxe: RFEP.
A segunda consecutiva non puido ser. O Deportivo Liceo foi eliminado da Copa do Rei despois de ser vencido polo Reus, polo que o camiño do ano 2022 remata en cuartos de final. Unha mala nova que non debe oscurecer nin a gran tempada do conxunto de Juan Copa nin o que resta dela. Os playoffs da OK Liga están á volta da esquina.
O Liceo contou coa súa oportunidade máis clara da primeira metade ós escasos tres minutos. Un cartón azul a Compagno mandou ó especialista Adroher ó punto da directa, pero Càndid Ballart empezou a súa exhibición. Continuou pouco despois con outra gran intervención ante Roberto Di Benedetto, totalmente só ante o meta reusense. Este rendimiento duraría todo o partido.
A partir dese momento campou a igualdade. As oportunidades repartíronse, ó igual cás faltas (9-7 ó remate da primeira parte). Carles Grau non foi menos có seu homólogo e brillou nunha parada a Diego Rojas, que intentou batirlle con habilidade.
O Reus acertou na prórroga
O empate sen goles do descanso durou tres minutos. Pareceu rompelo o Liceo mediante Adroher, aínda que os colexiados anularon o seu tanto. Unha acción chave á que lle seguiu a décima falta verdibranca, con diana de Marc Julià como consecuencia (0-1).
Máis tarde chegou a número 10 do Reus, momento no que o Mago non perdonou. Batiu a Ballart e deu paso de novo a un encontro totalmente igualado tanto en ocasións como en acerto, así que o 1-1 resistiu ata o final dos primeiros 50 minutos.
O Deportivo Liceo encaixou tres goles letais no tempo extra
A prórroga foi aciaga. Compagno tardou poucos segundos en sacarse un potente disparo do stick, adiantar ó seu equipo e propinar un golpe importante ós vixentes campións. O Liceo intentouno ata o final, pero encaixou dúas veces máis: unha trala 15º falta (Julià) e outra co equipo volcado (Aragonès, 1-4).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Adroher, Nanu Castro e Martín Garaboa (meta suplente).
REUS: Càndid Ballart; Sergi Aragonès, Marc Julià, Diego Rojas, Checo Compagno (quinteto inicial), Ferran Giménez, Joan Salvat, Pablo del Río, David Gelmà e Martí Zapater (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Miguel Díaz Cosme. Mostraron cartón azul ó visitante Checo Compagno.
GOLES: 0-1 (Marc Julià, min. 28). 1-1 (Jordi Adroher, min. 36). 1-2 (Checo Compagno, min. 51). 1-3 (Marc Julià, min. 57). 1-4 (Sergi Aragonès, min. 59).
Copa do Rei 2022, Cuartos de Final. Pavelló Municipal Onze de Setembre (Lleida).