CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Fase de Grupos, X6) | Derrota de honra (2-3)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Fase de Grupos, X6) | Derrota de honra (2-3)

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Non puido ser. O Deportivo Liceo caeu eliminado da WSE Champions League despois de dalo todo fronte ao Oliveirense. Só valía a vitoria para acceder á Final 8 e, aínda que se buscou literalmente ata o último segundo, evitouna un rival sólido.

Un Riazor pintado de verde presenciou todo. A numerosa xente, implicada co equipo nesta importante cita, viu como os xogadores de Juan Copa saíron á pista con altísima intensidade; aínda que non foi suficiente.

Avisaron con dúas oportunidades claras nos cinco primeiros minutos: un disparo raso de Àlex Rodríguez detido por Alves, ademáis dun man a man de Sito Ricart. Os homes de Oliveira de Azeméis demostraron un bo facer defensivo e paciencia, que non desidia, á hora de atacar. O xogo igualouse e comezaron os obstáculos. O primeiro, en forma de cartón azul a César Carballeira (minuto 12) tralo que os colexiados italianos consideraron un menosprezo. A inferioridade temporal non repercutiu no marcador.

O Liceísmo respondeu e acudiu en masa ó Pazo dos Deportes de Riazor.

Golpe encaixado e réplica

Fíxoo o gol inicial do partido, de cor vermella. Xavi Cardoso avanzou polo costado dereito, atopou a Martí Serra e superouno hábilmente. Minuto 20 e 0-1 en contra. Durou pouco.

Inmediatamente despois, Bruno Di Benedetto replicou a aparición pola mesma banda. O seu 1-1 (minuto 21) non foi con definición rasa e cercana, senón potente, lonxana e con dirección á escadra máis afastada da portería lusa.

Bruno celebra o 1-1 parcial. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Momentos dramáticos

O tempo acababa e o risco, como é lóxico, acrecentouse. Os espazos apareceron nun Liceo moito máis ofensivo pero Martí Serra, os seus paus e varias accións defensivas de gran calidade mantiveron o empate parcial.

Ao Oliveirense valíalle e limitouse a intentar aproveitar os evidentes contraataques. Contou con dúas ocasións moi claras: un dous contra un que evitou maxistralmente Sito Ricart e un paradón de Serra ante Lucas Martínez, só no man a man.

O Oliveirense procurou vivir ofensivamente dos espazos xerados por un Liceo cada vez máis atacante

Dous minutos despois desatouse unha gran alegría que duraría demasiado pouco. Anotou Fran Torres, como en Lisboa, para colocar o 2-1 a falta de seis minutos para a conclusión. O visitante Tomás Pereira igualaríao cun disparo lonxano na xogada seguinte. No minuto 47, Xanoca remontou. Os cinco xogadores de pista do Deportivo Liceo deron todo, pero o resultado final foi o 2-3.

A Juan Copa e aos seus xogadores quédalles agora defender o título de OK Liga. Este sábado disputarase a última xornada da fase regular (Vilafranca en Riazor, 17:00 horas).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

OLIVEIRENSE: Diogo Alves; Tomás Pereira, Jordi Adroher, Jorge Silva, Xavi Cardoso (quinteto inicial), Nuno Araújo, Marc Torra, Lucas Martínez, Xanoca Marques e Diogo Fonseca (meta suplente).

ÁRBITROS: Claudio Ferraro e Francesco Stallone (Italia). Mostraron cartón azul a César Carballeira por parte do Deportivo Liceo.

GOLES: 0-1 (Xavi Cardoso, min. 20). 1-1 (Bruno Di Benedetto, min. 21). 1-2 (Fran Torres, min. 44). 2-2 (Tomás Pereira, min. 45). 2-3 (Xanoca Marques, min. 47).

WSE Champions League 2023, Fase de Grupos, Xornada 6. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario