Imaxe: MÓNICA ARCAY.
Só un paso máis. O Deportivo Liceo xa é flamante finalista da OK Liga 21/22 despois de vencer ó Noia no derradeiro partido das semifinais. Logrouno ó lado de milleiros de espectadores que invadiron o Pazo dos Deportes, un recinto que albergará os dous primeiros partidos da agardada final.
Serán ante o Reus o venres 10 e o domingo 12, con horarios por confirmar e co factor pista a favor debido á mellor posición coruñesa durante a fase regular.
Superioridade ante milleiros de liceístas
A atmosfera motivou ós verdibrancos a máis non poder. A súa ofensiva comezou nada máis asubiar o árbitro e intimidou a un Noia abrumado. Dava Torres e Di Benedetto avisaron en primeira instancia con dous achegamentos claros e o gol de César Carballeira só foi impedido por unha decisión dos colexiados.
Àlex Rodríguez anotou o 1-0 ós quince minutos cun potente disparo lonxano
Aínda así a tendencia era clara. Àlex Rodríguez foi o encargado de facer xustiza ó visto mediante un misil que superou a Blai Roca (minuto 15). Riazor estoupou de ledicia e levou ó equipo ata o segundo tanto. Fíxoo Maxi Oruste tras unha acción de cazagoles dentro da área visitante.
O conxunto de Pere Varias tamén lle deu traballo a Carles Grau, aínda que o meta liceísta actuou menos có seu rival. Cando o fixo foi diferencial. A segundos do descanso detivo unha directa de Eloi Mitjans que estivo a piques de trocar o devir da acción.
Impulso final do Noia sen froitos
A inercia continuou ó regresar a pista. Roberto Di Benedetto meteu o 3-0 tras unha xogada individual e Adroher o 4-0 cunha das súas directas marca da casa. Riazor era unha festa.
O Noia loitou ata o final e logrou anotar dous goles, aínda que insuficientes
De todas formas, o partido aínda non rematara. Jordi Bargalló sumou unha diana máis á súa conta da semifinal para acurtar distancias e darlle vida ós seus. Un espaldarazo que, a pesar do 4-2 de Roc Pujadas, non foi suficiente para empatar.
Nin co impulso final nin con outra directa de Mitjans atallada por Carles Grau. Os seus cinco xogadores de pista tampouco roubaron a ledicia de Riazor.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Marc Grau, Maxi Oruste, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez e Martín Garaboa (meta suplente).
NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Eloi Mitjans, Jordi Bargalló, Roc Pujadas (quinteto inicial), Xavi Costa, Adrià Ballart, Alex Joseph, Toni Salvadó e Xus Fernández (meta suplente).
ÁRBITROS: Díaz Cosme e Sánchez García. Mostraron cartón azul ó local Àlex Rodríguez e ó visitante Xavi Costa.
GOLES: 1-0 (Àlex Rodríguez, min. 15). 2-0 (Maxi Oruste, min. 16). 3-0 (Roberto Di Benedetto, min. 27). 4-0 (Jordi Adroher, min. 35). 4-1 (Jordi Bargalló, min. 36). 4-2 (Roc Pujadas, min. 48).
OK Liga 21/22, Playoff polo título, Partido 5 de Semifinais. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).