CRÓNICA OK LIGA (X18) | Empate ante o Noia (2-2)

CRÓNICA OK LIGA (X18) | Empate ante o Noia (2-2)

Fin do maratón con dous empates. Primeiro ante o Benfica en Champions (xoves, 3-3) e despois contra o Noia en OK Liga (sábado, 2-2). Tras un partido entre dous equipos que afrontaban a súa segunda gran proba en menos de 48 horas, Juan Copa e os seus muchachos continúan segundos na táboa cun excelente rexistro de 43 puntos sobre 54 posibles. Paran a racha de triunfos consecutivos nos oito.

O compromiso desta ocasión non foi nada sinxelo. Un dos obstáculos cos que xa contaban os verdibrancos chamábase Blai Roca. O meta visitante, completamente vestido de negro, foi o salvador dos seus compañeiros dentro dun guion inicial no que o Deportivo Liceo monopolizou as oportunidades claras. Ós cinco minutos de xogo, o porteiro xa neutralizara dúas internadas solitarias e perigosas de Pol Manrubia e César Carballeira.

O meta Blai Roca foi o mellor do Noia na primeira metade do partido

Estas ocasións medraron ó mesmo ritmo que as faltas sinaladas polos colexiados e que as protestas da grada. A menos de dez minutos do descanso, os homes de Copa xa deberon extremar a precaución ó quedar a unha da directa en contra. Foron capaces de aguantar.

O Noia aproveitouno para aumentar a intensidade, aínda que a bocina do descanso apareceu sen que o marcador ensinara gol algún. Si mostrou un mencionado 9-6 en infraccións.

Os goles chegaron na segunda

Unha vez regresados á pista para o acto final, Martí Serra tomou a testemuña de Roca e protagonizou varias paradas de mérito. Primeiro a Esteller nun man a man, logo a Mitjans nun tiro lonxano e posteriormente a Martí Gabarró na falta directa froito da agardada décima liceísta.

Pouco puido facer, sen embargo, no tanto que logrou Ballart ós 38 minutos de acción. Pase da morte e remate dentro da área. Aínda así, instantes despois, apareceu o ADN Liceo para remontar en 30 segundos. Ambos goles foron de Àlex Rodríguez (2-1, minuto 41) con disparos lonxanos favorecidos sempre pola presenza dun pivote que confundía a Roca.

Àlex Rodríguez remontou con dous goles en 30 segundos o inicial de Ballart

Desafortunadamente, a enésima heroicidade non rematou en forma de noveno triunfo consecutivo por culpa de Kyllian Gil (3-3, min. 44). Outro pase da morte, outro remate e outro tanto. O Deportivo Liceo rozou os tres puntos na xogada final, cando nin Bruno Di Benedetto nin Dava Torres puideron perforar a rede a falta de tres e un segundo para a bocina.

Toca unha semana posterior máis calmada para o Liceo, sen xornada intersemanal. O vindeiro partido, iso si, será na complicada pista do Reus (sábado 18, 21:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Sito Ricart, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Eloi Mitjans (quinteto inicial), Kyllian Gil, Martí Gabarró, Adrià Ballart e Jan Marimon (meta suplente).

ÁRBITROS: Sánchez García e Mier Sánchez. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Adrià Ballart, min. 38). 1-1 (Àlex Rodríguez, min. 41). 2-1 (Àlex Rodríguez, min. 41). 2-2 (Kyllian Gil, min. 44).

OK Liga 22/23, Jornada 18. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario