CRÓNICA | Heroico (4-3)

CRÓNICA | Heroico (4-3)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

O Pazo dos Deportes gozou dun deses partidos que quedan para o recordo. Pódese definir de poucas maneiras a heroicidade do Deportivo Liceo na súa vitoria por 4-3 ante o Noia, un gran equipo que esixiu o máximo para deixar A Coruña cunha derrota baixo o brazo. Polo de pronto, Juan Copa e os seus continúan máis vivos ca nunca na loita pola OK Liga, que retomarán contra o Girona unha vez disputada a primeira fase da Liga Europea. Quédanse con 61 puntos a catro provisionais do Barcelona e cun partido menos.

No primeiro acto, as boas novas non tardaron en chegar. Soe pasar cando as buscas. Un Liceo ambicioso amosou a súa intención ofensiva desde o minuto inicial, tanto que no segundo xa logrou adiantarse grazas a Franco Platero. Os ataques non se detiveron. Dava Torres mandou a bóla o longueiro de Fernández poucas xogadas despois mentres o Noia facía control de danos, pero sabedor da súa capacidade para responder ó golpe. Máis aínda con todo o tempo que quedaba.

Co partido máis estable, a posibilidade do empate achegouse un pouco máis. Xavi Costa, un dos homes máis perigosos do conxunto de Sant Sadurní, rozouno nun contraataque ben neutralizado por Carles Grau. Afortunadamente para os intereses coruñeses, unha xogada realmente intelixente de Roby Di Benedetto ampliou a vantaxe liceísta (2-0) ós 14 minutos de xogo. O francés, adiantándose á defensa, apareceu detrás da portería visitante e enviou a bóla polo único espazo posible.

Ambos equipos puideron marcar en sendas faltas directas tralo segundo tanto local, pero o descanso chegou baixo o resultado que estableceu Di Benedetto.

Dificultade ata o final

Igual que o comezo da primeira metade foi unha bendición para o Deportivo Liceo, o da segunda foi favorable ó Noia. Xavi Costa, máximo realizador do conxunto vestido de negro e vermello, anotou o 2-1 nun penalti cometido ós poucos segundos do regreso á pista. O partido aínda non estaba, nin por asomo, gañado.

Tras unha serie de embestidas mutuas, con ambos porteiros moi activos, unha carambola froito dun disparo de Franco Platero trouxo o 3-1 cando restaban 14 minutos de acción. Osíxeno puro para os intereses do equipo de Juan Copa, polo menos ata que Roc Pujadas reseteou a distancia (3-2) froito da 15º falta do Liceo.

Aleix Esteller logrou nivelar o marcador a falta dun minuto e medio para o final. Unha mala nova para os liceístas, pero a cousa non rematara. O que comezou foi un acto final de tolemia. Con segundos pendentes no reloxo, o Liceo debía forzar dúas faltas do Noia para contar cunha directa a favor. Logrouno. Despois, Jordi Adroher tiña tan só dous segundos para definir e establecer o 4-3. Logrouno. E o Pazo berrou.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher (quinteto inicial), Roberto Di Benedetto, Marc Grau, Maxi Oruste e Fabri Ciocale.

CE NOIA: Xus Fernández, Aleix Esteller, Xavi Costa, Pol Manrubia, Jordi Ferrer (quinteto inicial), Roc Pujadas, Adrià Ballart, Antoni Salvadó e Roger Montserrat.

ÁRBITROS: Díaz Cosme e Sánchez García. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Franco Platero, min. 2). 2-0 (Roberto Di Benedetto, min. 14). 2-1 (Xavi Costa de penalti, min. 26). 3-1 (Franco Platero, min. 36). 3-2 (Roc Pujadas, min. 41). 3-3 (Aleix Esteller, min. 49). 4-3 (Jordi Adroher, min. 50).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 25 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor, 250 espectadores.

Deixa un comentario