30 de setembro de 2023
Pablo Cancela, autor de tres goles. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo, cun hat trick de Pablo Cancela, debuta na OK Liga 23/24 cun convincente triunfo ante o Igualada.
O primeiro día non podía ter saído mellor. Unha excelente mostra de contundencia e autoridade por parte do Deportivo Liceo de Juan Copa para converter a súa estrea na OK Liga nun gran triunfo. Coa axuda dun sempre ruidoso Pazo dos Deportes, venceu ó Igualada e sumou os tres puntos que abren o seu marcador nesta fase regular.
Un excelente punto de partida antes do primeiro partido fóra da casa, que levará ós liceístas ó Joan Ortoll de Calafell (sábado 7, 20:30h).
Autoridade e superación de obstáculos
O primeiro gol da OK Liga 23/24 tardou dous minutos e medio en aparecer. Tivo que ser do capitán. Dava Torres recibiu no lado esquerdo, disparou e a bóla terminou na rede a pesar da intervención do porteiro Guillem Torrents. Representación fidedigna no marcador dun Liceo vestido de branco que foi moi superior no primeiro tramo deste acto.
Non evitou que o conxunto de Juan Copa tivera que superar dificultades. Unha delas foi o empate do Igualada no minuto 11. Fíxoo Gerard Riba na área defendida por Tiago. O propio portugués tivo que empregarse a fondo pouco despois para deter o hipotético 1-2. Bruno Saavedra viu a azul, mandou ó mesmo Riba á directa e Rodrigues neutralizouna.
Superado o power play en contra, os liceístas recuperaron o control total do partido. Avisaron cun tanto de Fran Torres que sería anulado por falta previa e, ós poucos minutos, Tombita transformou outro que si valeu (2-1).
Donos e señores da segunda parte
O efecto dese gol foi total. Deu paso a un segundo acto con aínda máis dominio do Liceo, que ademais ampliou pouco a pouco a súa renda. O nome propio non foi outro que o de Pablo Cancela.
O dorsal 74, que regresaba oficialmente a Riazor, comezou o seu espectáculo no minuto 27. Primeiro rematou un bo pase de Dava, anotando o primeiro gol do seu posterior hat trick. Os outros dous virían desde o punto da directa (38 e 47), ambos de fermosa factura. Entre eles, Sito Ricart completou o que remataría sendo un 6-1 moi representativo da superioridade verdibranca.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Tomás Pereira, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres, Bruno Saavedra e Martí Serra (meta suplente).
IGUALADA: Guillem Torrents; Uri Llenas, Tety Vives, Marc Carol, Aleix Marimon (quinteto inicial), Nil Cervera, Gerard Riba, Marc Rouzé, Guillem Llorens e Jaume Arnau (meta suplente).
ÁRBITROS: David Cantos Bonales e Álvaro de la Hera Jáudenes. Mostraron cartón azul ó liceísta Bruno Saavedra. También ó visitante Gerard Riba.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 3). 1-1 (Gerard Riba, min. 11). 2-1 (Fran Torres, min. 20). 3-1 (Pablo Cancela, min. 27). 4-1 (Pablo Cancela, min. 38). 5-1 (Sito Ricart, min. 40). 6-1 (Pablo Cancela, min. 47).
OK Liga 23/24. Xornada 1 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).