CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X4) | Loita innegociable con só un punto de premio (3-3)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X4) | Loita innegociable con só un punto de premio (3-3)

25 de xaneiro de 2024


IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo, orgulloso e voluntarioso, empata na visita do Forte a Riazor e complícase de forma case definitiva a súa clasificación para a seguinte rolda.

Incluso nos momentos non tan bos, o Deportivo Liceo de Juan Copa segue dando motivos para estar moi orgulloso. As táboas coas que rematou a visita do Forte dei Marmi complican de forma case definitiva as opcións verdibrancas de clasificación, pero a imaxe ofrecida en Riazor foi máis que notable.

Con este punto, os liceístas estrean o seu casilleiro do Grupo A e continúan detrás dos propios italianos (4), do luso Barcelos (7) e do Barcelona (10). A quinta xornada da WSE Champions League levará ó Liceo a terras portuguesas (8 de febreiro, 22:00h de España).

Un ida e volta de enorme intensidade

O Forte de Bertolucci xoga nunha liga marcada polos ataques e iso mesmo trouxo ó Pazo dos Deportes. Desde o minuto 1 ata o 50, ambos contendentes non se deron nin un só respiro. As primeiras oportunidades coruñesas chegaron dos patíns de Dava Torres (parou Gnata co casco), de Fabri e de Sito. Máis clara foi, sen embargo, a que tivo Compagno nunha directa, pero Martí Serra estivo enorme.

Sito Ricart anotou dous dos tres goles liceístas. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

Unha disciplina na que o Liceo tamén rozou o gol, pero Gnata replicou a Serra. O 1-0, sen embargo, si que veu dunha xogada de estratexia. No minuto 15, unha falta sacada rapidamente tras un tempo morto atopou o remate de Pablo Cancela, moi intelixente xunto ó pao.

Aí tamén lle pegou unha definición de fantasía de Fran Torres, no que tería sido un maxistral 2-0, pero a vantaxe mínima mantívose chegando o descanso. Tampouco a puido romper unha directa do goleador Cancela.

Un tramo final excepcional

Eses últimos minutos de superioridade local encontraron réplica ó regresar á pista. A segunda metade deixou un gol tempraneiro de Federico Ambrosio para o Forte, froito dunha xogada realmente desafortunada. Despertou, aínda así, ese ADN Liceo sempre presente. Empatou Sito cun remate na frontal, recibindo un pase desde a esquerda de Fabri Ciocale (minuto 32).

Dava Torres contou cunha directa a falta dun minuto para colocar o 4-3. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

De todas formas, houbo que recompoñerse de dous golpes importantes dos homes de Bertolucci. O primeiro foi de Compagno, que lle devolveu o triunfo parcial ao visitante despois dun disparo moi forte. O segundo, máis duro, foi de Ambrosio a falta de tres minutos para o final. Pouco tempo debeu pasar para que empatara Sito, cerrando o seu dobrete.

A partir de aí, só a mala sorte separou ós homes de Juan Copa dun triunfo épico. No último minuto contou con tres clarísimas oportunidades de 4-3: unha directa de Dava e un par de dous contra un co capitán xa instalado na área rival, aínda que atacara o Forte. Final sen premio, pero con moito do que estar orgulloso.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

FORTE: Ricky Gnata; Fede Ambrosio, Joan Galbas, Francesco Compagno, Fran Ipiñazar (quinteto inicial), Pedro Gil, Elia Cinquini, Francesco Rossi, Enric Torner e Mattia Taiti (meta suplente).

ÁRBITROS: Joaquim Pinto e Pedro Silva (Portugal). Mostraron tarxeta azul ó liceísta César Carballeira.

GOLES: 1-0 (Pablo Cancela, min. 15). 1-1 (Federico Ambrosio, min. 28). 2-1 (Sito Ricart, min. 32). 2-2 (Francesco Compagno, min. 37). 2-3 (Federico Ambrosio, min. 47). 3-3 (Sito Ricart, min. 48).

WSE Champions League 23/24. Xornada 4 da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario