CRÓNICA | Tres novos puntos de gran dificultade (4-2)

CRÓNICA | Tres novos puntos de gran dificultade (4-2)

Sexta vitoria seguida para un Deportivo Liceo en estado inmellorable. Superou unha semana de dificultade máxima con pleno de puntos tras dobregar ó Cerdanyola, e así afianzarse na sétima posición. 28 puntos que xa se achegan á zona noble da OK Liga Feminina.

O choque foi unha nova demostración da fórmula liceísta. Traballo, solidez e don da oportunidade. Sobreviviu a unha primeira bóla parada de Gemma Solé antes de que Adriana Soto, cun reverso, engadira outro gol á súa conta. Cinco minutos despois, o 2-0 foi unha realidade tras unha gran contra dirixida por Alba Garrote e María Sanjurjo, culminada por esta última.

O Deportivo Liceo, con outra gran actuación de Viki en portería, aproveitou as súas oportunidades en ataque

As visitantes, como é obvio, tamén gozaron de ocasións. Viki Caretta, con outra gran exhibición, detivo todas elas. Chave foi a súa dobre parada á propia Solé a poucos segundos do descanso.

Reacción tardía do rival

O regreso a pista foi continuista. Defensa sólida resgardada por unha gran Viki mentres, en ataque, as xogadoras de Stanis aproveitaban as oportunidades. Cris Diz anotou o 3-0 no minuto 31 e Adriana Soto repetiu de penalti no 37.

A pesar do 4-0, tocou sufrir. O potencial do Cerdanyola permitiulle reaccionar, aínda que demasiado tarde. Logrou poñerse 4-2 mediante dous tantos de Joana Xicota, pero os tres puntos xa eran coruñeses.

O vindeiro compromiso consistirá noutra gran proba: visitar ó Palau (domingo 20, 13:15h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; María Sanjurjo, Alba Garrote, Lara Yáñez, Adriana Soto (quinteto inicial), Ale Martín, Luchy Paz, Lucía Yáñez, Cris Diz e Mencía Mosquera.

CERDANYOLA: Mariona Surós; Joana Xicota, María Figuerola, Adriana Gutiérrez, Gemma Solé (quinteto inicial), Laia Pera, Ariadna Carrión, Abril Batlle e Carla Batlle.

ÁRBITRO: Lorenzo Bosch Sande. Mostrou cartón azul ás liceístas María Sanjurjo e Adriana Soto. Tamén á visitante Adriana Gutiérrez.

GOLES: 1-0 (Adriana Soto, min. 13). 2-0 (María Sanjurjo, min. 18). 3-0 (Cris Diz, min. 31). 4-0 (Adriana Soto, de penalti, min. 37). 4-1 (Joana Xicota, min. 39). 4-2 (Joana Xicota, min. 46).

Xornada 17 da OK Liga Feminina 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña).

Deixa un comentario