4 de novembro
O Deportivo Liceo vence ó Caldes, deixa atrás os recentes malos resultados e continúa contando por vitorias os seus partidos en Riazor.
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Gañar cura todo. Nada mellor para deixar atrás unha serie de malos resultados que xa son iso: pasado. O Deportivo Liceo de Juan Copa regresou ó Pazo dos Deportes despois de dous encontros fóra del e fíxoo do mellor xeito.
Superou ó Caldes e mellorou a súa situación clasificatoria, con 9 puntos sumados que serven para colocarse quintos antes de que termine a sexta xornada ó completo. Unha boa dose de moral para afrontar o seguinte choque en Lleida (domingo 12, 12:00h).
Gran primeira parte liceísta
Consciente da importancia de gañar, o Liceo foi ambicioso. Era necesario continuar o pleno de vitorias en Riazor, aínda que o Caldes opuxo unha lóxica e complicada resistencia. Todo comezou cun cartón azul e unha falta directa para cada contendente: primeiro fallou Dava Torres (tarxeta para Blanqué) e posteriormente o propio dorsal 55 visitante (azul a Tomás Pereira).
Os metas foron protagonistas no primeiro cuarto de hora. Nos verdibrancos mediante Martí Serra, que disputou a súa titularidade inaugural da tempada. O xogo foi máis igualado ata que César Carballeira, no minuto 16, disparou desde media pista e superou a Arnau Martínez. Todo un golazo que desatou os berros das gradas.
Ademais, foi un gol importante porque serviu como precedente para outros dous. Moi pouco despois, Sito Ricart anotou o 2-0 aproveitando unha gran asistencia do capitán Dava. Antes do descanso, o propio César transformou unha falta indirecta no 3-0. Tiago Rodrigues tamén aportou o seu gran de area, saíndo á pista para deter un penalti rival.
Reacción do Caldes
Sen tanta necesidade de marcar, os liceístas mantiveron o control do partido doutra maneira. Incluso ampliaron a diferenza grazas a Dava Torres, que materializou o 4-0 no minuto 32. A partir de aí, o Caldes aplicou un todo ou nada.
Os homes de Eduard Candami reaccionaron e atoparon goles, pero non foron suficientes. Marc González, o dorsal 79 visitante, escoitou a bocina final despois de sumar dous no seu haber. Non influiu nun resultado final (4-2) que foi favorable ós verdibrancos.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Tomás Pereira, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres e Tiago Rodrigues (meta suplente).
CALDES: Arnau Martínez; Roger Presas, Biel Pujadas, Marcos Blanqué, Xavi Gurri (quinteto inicial), Pol Galbas, Pau Cardona, Adrià Ballart, Marc González e Jordi Pons (meta suplente).
ÁRBITROS: Daniel Villar Costa e Nicolás Morandeira Sánchez. Mostraron cartón azul ó liceísta Tomás Pereira. Por parte do Caldes viuna Marcos Blanqué.
GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 16). 2-0 (Sito Ricart, min. 18). 3-0 (César Carballeira, min. 20). 4-0 (Dava Torres, min. 32). 4-1 (Marc González, min. 40). 4-2 (Marc González, min. 49).
OK Liga 23/24. Xornada 6 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).