CRÓNICA | ¡Á final! (4-1)

CRÓNICA | ¡Á final! (4-1)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Non sen dificultade, o Deportivo Liceo de Juan Copa logrou o seu pase á final da Copa do Rei 2021 tras vencer a un forte Caldes.

Parecía empezar ben a acción para os intereses locais, con cartón azul incluido ó exliceísta Sergi Miras, pero Gerard Camps detivo a falta directa resultante de Jordi Adroher. O Caldes non acusou a inferioridade numérica e golpeou primeiro mediante Cristian Rodríguez, que protagonizou un disparo potente á cruceta esquerda de Carles Grau.

O Liceo recuperouse da embestida e acaparou as oportunidades, varias delas realmente claras. Só faltaba materializar o empate. Nunca estivo máis preto na primeira parte que na dobre ocasión de Roberto Di Benedetto e Franco Platero, anulados polo meta catalán e o seu ferro. O descanso, polo tanto, chegou co mesmo 0-1.

Remontada

Para fortuna liceísta, o comezo do segundo acto foi inmellorable. Tres minutos bastaron para que Adroher e Dava Torres lle deran a volta ó encontro, para ledicia dos máis de mil afeccionados do Pazo dos Deportes. O conxunto de Juan Copa xa foi o dono do partido, pero restaba moito tempo. Tanto que o Caldes de Eduard Candami rozou o empate nunha falta directa de Ferran Rosa, neutralizada de forma excelente en dous tempos por Carles Grau.

O encargado de aumentar a vantaxe foi o seu irmán Marc, que no minuto 44 enviou á rede un rexeite de Camps, e o que selou o posto na final da Copa foi César Carballeira a falta dun minuto. No partido, a celebrar mañá domingo ás 13:15h, agardarán o Reus ou o Barcelona.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Fabri Ciocale e César Carballeira.

CH CALDES: Gerard Camps, Lluis Ricart, Sergi Miras, Alexandre Acsensi, Cristian Rodríguez (quinteto inicial), Xavi Rovira, Ferran Rosa, Álvaro Giménez e Roger Acsensi.

ÁRBITROS: Díaz Cosme e De la Hera Jáudenes. Amosaron cartón azul ós visitantes Sergi Miras, Álvaro Giménez, Lluis Ricart e Ferran Rosa. Tamén a viu Juan Copa, técnico do Deportivo Liceo.

GOLES: 0-1 (Cristian Rodríguez, min. 7). 1-1 (Jordi Adroher, min. 27). 2-1 (Dava Torres, min. 28). 3-1 (Marc Grau, min. 44). 4-1 (César Carballeira, min. 49).

INCIDENCIAS: Copa do Rei 2021, semifinal. Pazo dos Deportes de A Coruña.

Deixa un comentario