CRÓNICA #OKLiga (X8) | Vitoria e espectáculo (6-3)

CRÓNICA #OKLiga (X8) | Vitoria e espectáculo (6-3)

17 de novembro de 2024


Xaus e Ferruccio celebran o 1-0. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Liceo de Juan Copa logra a súa terceira vitoria seguida con Arnau Xaus como autor dun triplete.

Partidazo e premio para o Deportivo Liceo, que da man de Juan Copa conseguiu en Riazor o seu terceiro triunfo seguido na Fase Regular. Seis goles que serviron para superar ó Calafell, acumular 15 puntos e subir á terceira posición da clasificación.

Arnau Xaus cumpriu nesta xornada a lei do ex de xeito salvaxe. Non pasaran dez minutos cando o número 3, antigo xogador do Calafell, xa tiña tres goles no seu haber. O primeiro chegou nada máis soar o asubío inicial grazas a un gran pase de costas de Ferruccio. O segundo e o terceiro, en cuestión de instantes, nunha directa e noutro remate.

Inicio frenético ó ritmo do 3

Un comezo trepidante que non se detivo. Chegaron entón algunhas dificultades coa tarxeta azul que viu Tato, seguida dunha parada de Martín na directa, pero co gol final dos visitantes (3-1) aproveitando o power play. Logrouno o exliceísta Sergi Miras pouco antes de que o Liceo respondese con autoridade.

Unha xogada colectiva brutal ofreceulle ó público de Riazor unha cuarta celebración de gol. A bóla partiu desde pista propia, rematou no costado dereito e Jacobo Copa enviouna para o remate letal de Bruno Saavedra. O galego conseguía así o seu primeiro gol do curso, cunha apaixonada celebración xunto ó seu asistente.

Jacobo Copa e Bruno Saavedra marcaron os seus primeiros goles do curso. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Reparto de golpes con final feliz

Os pupilos de Guillem Cabestany non se renderon, e o propio Miras encargouse de avisar ós verdibrancos. O dorsal 55 anotou un golazo para colocar o 4-2 parcial e achegarse ó dominador do encontro, que recibiu a mensaxe e recuperou a vantaxe grazas a César Carballeira (5-2, minuto 38).

O tramo final xogouse con Martí Serra en portería, xa que Martín tivo que retirarse da pista debido a un golpe sufrido en accións anteriores. O visitante Joaquín Olmos conseguiu superalo para poñer o 5-3, pero Jacobo Copa estreouse na OK Liga co 6-3 definitivo.

Ó Liceo agárdalle agora un auténtico maratón de hockey co comezo da WSE Champions League. A próxima proba dos coruñeses será na casa do Trissino italiano (xoves, 20:45h), mentres que a OK Liga regresará o domingo ás 12:30h coa visita a Noia.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martín Rodríguez; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martí Serra (meta suplente).

CALAFELL: Gerard Camps; Jerónimo García, Jepi Selva, Sergi Miras, Aleix Marimon (quinteto inicial), Joan Escala, Carles Domenech, Joaquin Olmos, Sergi Folguera e Josep Virgili (meta suplente).

ÁRBITROS: David Cantos Bonales e Alberto Pérez Pérez. Mostraron tarxeta azul a Tato Ferruccio no Deportivo Liceo. Por parte do Calafell víronna Jepi Selva, Sergi Miras e Joan Escala.

GOLES: 1-0 (Arnau Xaus, min. 2). 2-0 (Arnau Xaus, min. 5). 3-0 (Arnau Xaus, min. 8). 3-1 (Sergi Miras, min. 11). 4-1 (Bruno Saavedra, min. 12). 4-2 (Sergi Miras, min. 33). 5-2 (César Carballeira, min. 38). 5-3 (Joaquin Olmos, min. 38). 6-3 (Jacobo Copa, min. 40).

INCIDENCIAS: Xornada 8 da OK Liga 24/25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña)

Deixa un comentario