CRÓNICA | O anfitrión estréase con vitoria (5-3)

CRÓNICA | O anfitrión estréase con vitoria (5-3)

Imaxe: MÓNICA ARCAY.

O anfitrión da Golden Cup empezou o seu camiño con vitoria. A boa actuación do Deportivo Liceo de Juan Copa serviu para superar ó HC Braga, primeiro rival desta Fase de Grupos, e así sumar de tres para poñer un pé nos cuartos de final. Os verdibrancos procurarán oficializar esta clasificación o vindeiro mércores (18:45h) contra o Barcelos, outro contendente de nivel.

Ante un Riazor repleto de liceístas, os locais non puideron inaugurar mellor o seu primeiro choque. Àlex Rodríguez, cun disparo lonxano marca da casa, neutralizou a Leo Pais e colocou o 1-0 ós catro minutos para ledicia dos presentes.

Foi a consagración dun Liceo superior no primeiro acto. Dominou as ocasións de perigo e minimizou ó conxunto portugués, que encaixou o 2-0 pouco despois. O seu autor foi o capitán Dava Torres, atento no ferro esquerdo a un excelente pase de Roberto Di Benedetto.

Jordi Adroher e Dava Torres celebran un dos tantos liceístas. Imaxe: MÓNICA ARCAY.

Jordi Burgaya sumouse á festa co 3-0 despois de materializar un roubo e un envío de Marc Grau. Sen embargo, o Braga todavía tiña cousas que dicir. Un minuto despois, Miguel Moura logrou o 3-1 e comezou o espertar visitante.

Boa reacción do Braga

A parte final iniciou con outro gran gol do conxunto de Juan Copa, obra de Di Benedetto tras un disparo similar ó de Rodríguez. Esta vez, desde unha posición máis escorada. De todas formas, non foi útil para amedrentar a mencionada reacción rival.

O Braga mellorou en varios aspectos do xogo e comezou a inquietar seriamente a portería dun acertado Carles Grau. Pouco puido facer, aínda así, no 4-2 de penalti de Vítor Hugo. Despois del, si. O Deportivo Liceo sacou a súa solidez e detivo a maior parte de acometidas portuguesas, aínda que o 4-3 foi unha realidade tras outra directa de Pedro Mendes.

Roberto Di Benedetto completou outro bo partido. Imaxe: MÓNICA ARCAY.

Esa diana chegou trala décima infracción do Deportivo Liceo, que non foi menos á hora de aproveitar a súa oportunidade na mesma circunstancia. A número 10 do Braga foi transformada no 5-3 definitivo grazas a Jordi Adroher, hábil na súa especialidade. Tres puntos e ledicia.

A quenda de directas foi verdibranca

O Mago tamén foi un dos responsables do triunfo liceísta na tanda de directas, útil para resolver desempates. El e Àlex Rodríguez marcaron no seu turno e un enorme Carles Grau encargouse de neutralizar tódalas oportunidades lusas. A guinda a unha boa tarde.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), César Carballeira, Marc Grau, Maxi Oruste, Jordi Burgaya e Martín Garaboa.

HC BRAGA: Leo Pais; Diogo Seixas, Vítor Hugo, António Trabulo, Pedro Mendes (quinteto inicial), Miguel Moura, Guilherme Leitão, Curro Fernández e Gabriel Costa.

ÁRBITROS: Ricardo Leão e Silvia Coelho. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Àlex Rodríguez, min. 4). 2-0 (Dava Torres, min. 9). 3-0 (Jordi Burgaya, min. 16). 3-1 (Miguel Moura, min. 17). 4-1 (Roberto Di Benedetto, min. 26). 4-2 (Vítor Hugo, de penalti, min. 26). 4-3 (Pedro Mendes, min. 48). 5-3 (Jordi Adroher, min. 49).

Golden Cup, primeiro partido da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario