Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo de Juan Copa rozou o máis difícil todavía. O empate final ante o Benfica non restou nin un gramo de mérito ó conxunto verdibranco na estrea de Riazor dentro desta WSE Champions League. A súa segunda xornada inaugurou o casilleiro de puntos dos coruñeses, que próximamente afrontarán dous partidos consecutivos ante o Calafell (datas 3 e 4).
Os locais, sen Pol Manrubia por ser propiedade do Benfica, plantáronlle cara ós de Nuno Resende desde o minuto 1. Incluso contaron coa primeira gran ocasión do partido, obra de César Carballeira nun man a man detido por Henriques.
Tamén defenderon con criterio ante o flamante líder do campionato luso, nido de varios exliceístas como Edu Lamas, Pablo Álvarez ou Roberto Di Benedetto (este último, campión da OK Liga 21/22, moi ovacionado polo Pazo).
Un xogo rápido e igualado sen apenas paróns decantouse en principio do lado visitante. Lucas Ordóñez, cun disparo potente desde o costado esquerdo, batiu a Martí Serra no minuto 16 para poñer as cousas aínda máis complicadas. Un golpe que non trocou nin un ápice o rendemento do Liceo. Todavía quedaba a segunda parte.
25 minutos de emocións fortes
O Benfica empezou o segundo acto con maior protagonismo en canto a oportunidades perigosas. Inaugurou o tema Gonçalo Pinto cun disparo ó ferro e continuouno unha falta directa moi protestada polos liceístas na que Àlex Rodríguez viu o cartón azul. Pablo Álvarez usouna para marcar o 0-2 no minuto 31.
En moitos casos, isto suporía un partido pouco menos que sentenciado. Aquí non. Inmediatamente despois, Bruno Di Benedetto enviou á rede de volea un envío de César Carballeira para dar un aviso (1-2). O asistente vestiu de anotador no minuto 39, con pase de Rodríguez, para empatar (2-2) e desatar o delirio.
Este tanto pintou o partido dunha cor totalmente verdibranca. O 3-2 só era cuestión de tempo e o seu protagonista foi novamente o asistente do gol anterior. Rodríguez, cunha xogada individual na que rodeou a meta de Henriques, creou a heroicidade. O enorme esforzo do equipo e o ánimo constante da grada non decaeron co 3-3 definitivo de Nil Roca a falta de dous minutos para o final, cando o Benfica xa adquirira unha clara actitude ofensiva aproveitando o seu bo físico.
Nin 48 horas pasarán ata a vindeira gran proba do Liceo de Juan Copa. Este sábado ás 18:00h volverá a OK Liga coa visita do Noia.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Fran Torres e Mati Bridge (meta suplente).
BENFICA: Pedro Henriques; Edu Lamas, Pablo Álvarez, Nil Roca, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Diogo Rafael, Carlos Nicolía, Lucas Ordóñez, Gonçalo Pinto e Bernardo Mendes (meta suplente).
ÁRBITROS: Mateo Galoppi e Simone Bambrilla. Mostraron cartón azul a Àlex Rodríguez por parte do Deportivo Liceo.
GOLES: 0-1 (Lucas Ordóñez, min. 16). 0-2 (Pablo Álvarez, min. 31). 1-2 (Bruno Di Benedetto, min. 31). 2-2 (César Carballeira, min. 39). 3-2 (Àlex Rodríguez, min. 42). 3-3 (Nil Roca, min. 48).
WSE Champions League 2023, Fase de Grupos, Xornada 2. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).