CRÓNICA | Digna derrota ante unha afección entregada (3-4)

CRÓNICA | Digna derrota ante unha afección entregada (3-4)

Imaxe: MÓNICA ARCAY.

Chegou o final do camiño da Golden Cup, aínda que non sen dignidade. Un combativo Deportivo Liceo, comandado á perfección por Juan Copa, caeu fronte ó Benfica e non puido pasar á final da competición. Quedou, iso si, entre os catro mellores equipos do planeta a base de sacrificio e entrega.

Loitou literalmente ata o último segundo ante un Riazor ocupado por aproximadamente 2.000 liceístas. Aínda que non acompañaron as decisións arbitrais de Pedro Silva, o conxunto verdibranco repúxose a tódalas acometidas dun durísimo rival. O Benfica golpeou primeiro mediante un Pablo Álvarez que sostivo ó seu equipo con catro dianas de habilidade. Ese 0-1 chegou no cuarto minuto.

Àlex Rodríguez anotou dous dos tres tantos liceístas. Imaxe: MÓNICA ARCAY.

O Deportivo Liceo logrou repoñerse, mellorou e inquietou a meta de Pedro Henriques ata que Àlex Rodríguez empatou. Sen embargo, cada gol liceísta foi respondido. Antes do descanso, Álvarez adiantou novamente ós lusos con outro gol de boa factura.

Pablo Álvarez e a bóla parada marcaron o camiño

Cuns motivados polo tanto recente e outros polo ruidoso ambiente, a acción pasou a ser igualada durante o primeiro cuarto de hora da segunda parte. O que chegou foi o 2-2 tralo gol inaugural de Marc Grau na Golden Cup.

O minuto 40 foi decisivo para o devir do encontro. A décima infracción do Benfica levou a Adroher ó punto da directa, pero a bóla golpeou no ferro con Henriques xa superado. Inmediatamente despois tocoulle o turno ós visitantes, que si anotaron o 2-3.

Os colexiados mostraron un riguroso cartón azul a Àlex Rodríguez que rematou co 3-4 do Benfica

De novo, sentido da supervivencia para un Liceo que se ergueu outra vez grazas a Rodríguez. Ocorreu antes de que vira un polémico cartón azul que Pablo Álvarez transformou no 3-4. Juan Copa e os seus xogadores loitaron contra todo e contra todos ata as últimas décimas de partido, pero con derrota final. Unha da que estar orgullosos.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Àlex Rodríguez, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Burgaya e Martín Garaboa (meta suplente).

BENFICA: Pedro Henriques; Diogo Rafael, Pablo Álvarez, Edu Lamas, Lucas Ordóñez (quinteto inicial), Carlos Nicolía, Pol Manrubia, Poka, Gonçalo Pinto e Rodrigo Vieira (meta suplente).

ÁRBITROS: Pedro Silva e Jonathan Sánchez. Mostraron cartón azul ós liceístas Àlex Rodríguez e Roberto Di Benedetto.

GOLES: 0-1 (Pablo Álvarez, min. 4). 1-1 (Àlex Rodríguez, min. 21). 1-2 (Pablo Álvarez, min. 22). 2-2 (Marc Grau, min. 39). 2-3 (Pablo Álvarez, min. 41). 3-3 (Àlex Rodríguez, min. 43). 3-4 (Pablo Álvarez, min. 43).

Semifinal da Golden Cup 2022. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario