CRÓNICA | ¡SUPERCAMPIÓNS! (3-2)

CRÓNICA | ¡SUPERCAMPIÓNS! (3-2)

Imaxe: Paola Pérez.

Loitar ata o final, sen importar o que pase. Sacrificio innegociable e humildade. Todo iso, xunto a un toque de xenialidade, materializouse noutro título para o Deportivo Liceo de Juan Copa. O club da Coruña logra unha nova Supercopa de España. Outra vez fronte ó Barcelona e outra vez no Ateneu de Sant Sadurní d’Anoia.

A igualdade, iso si, fixo honor á cita. O catálogo de ocasións foi inaugurado polo Liceo da man de Jordi Adroher, futuro protagonista, aínda que Aitor Egurrola foi quen de deter esta primeira manobra. Inmediatamente replicou Pau Bargalló, con posterior parada de Carles Grau. Unha por outra.

O exliceísta tamén estivo a piques de adiantar ó Barça no punto da directa, froito dunha azul a Àlex Rodríguez. A súa bóla pegou no ferro. Non fallou Hélder Nunes, que cunha gran xogada superou á defensa verdibranca e a Grau. El mesmo tivo a oportunidade de dobrar a vantaxe nun penalti, con negativa do meta catalán do Deportivo Liceo. Moito quedaba por dicir.

O conxunto de Edu Castro mandaba no marcador e na conta de faltas. A súa décima chegou cando restaban cinco minutos para o entretempo. Jordi Adroher empatou o encontro cunha acción de xenio no man a man resultante.

Loita e maxia ata o final

O empuxe do Barcelona no regreso ó Ateneu tivo premio. Pau Bargalló, cun disparo lonxano, colocou por diante ós blaugranas ós sete minutos da reanudación. Cero aturdimento no Deportivo Liceo. Recuperouse do golpe e loitou para balancear de novo o encontro.

Marc Grau rozou o equilibrio, pero o nome propio foi o de Jordi Adroher. Outra vez. Ó Mago déronlle outra falta directa e tamén rematou dentro. 2-2 a falta de oito minutos.

Mentres Carles Grau deleitaba ó público coa súa enésima exhibición, o propio Adroher volveu de novo ó punto da directa para outra clase de maxia. Nova definición de xenio que resultou no definitivo 3-2, non sen antes aguantar as derradeiras embestidas do Barça. Todas neutralizadas. A Supercopa viaxará a Galicia.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Àlex Rodríguez, Jordi Adroher (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau e Jordi Burgaya.

BARÇA: Aitor Egurrola; Ignacio Alabart, Matías Pascual, Pau Bargalló, João Rodrigues (quinteto inicial), Nil Roca, Oriol Llenas, Sergi Llorca e Hélder Nunes.

GOLES: 0-1 (Hélder Nunes, min. 10). 1-1 (Jordi Adroher, min. 20). 1-2 (Pau Bargalló, min. 32). 2-2 (Jordi Adroher, min. 42). 3-2 (Jordi Adroher, min. 48).

ÁRBITROS: Díaz Cosme e Sánchez García. Mostraron cartón azul ó liceísta Àlex Rodríguez e ó culé Pau Bargalló.

Final da Supercopa de España 2021. Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní d’Anoia).

Deixa un comentario