CRÓNICA OK LIGA (X16) | Van sete (4-2)

CRÓNICA OK LIGA (X16) | Van sete (4-2)

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Continúa o excelente rendemento do Deportivo Liceo de Juan Copa na OK Liga, competición na que xa acumula as destacables cifras de sete triunfos consecutivos e 39 puntos sobre 48 posibles. Esta vez venceu a un Arenys de Munt inmerso na pugna por evitar o descenso e que loitou mentres tivo posibilidades.

Non inquietou demasiado na primeira parte, aínda así, a un Mati Bridge que hoxe substituíu a Martí Serra. O arxentino viu como os seus compañeiros de pista marcaban ós tres minutos mediante Pol Manrubia, que aproveitou unha boa internada pola dereita e un mellor pase do capitán Dava Torres. No 8, César Carballeira aumentou a vantaxe a 2-0 tras transformar un penalti.

Pol Manrubia foi o encargado de anotar o 1-0 ós tres minutos de partido. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo foi o gran dominador ofensivo e tivo a oportunidade de marcar unha diana máis no minuto 11, pero a dobre ocasión de César (totalmente só) e Arnau Canal foi ben neutralizada polo meta Guillem García. Despois de que o técnico Enric Daumal solicitara tempo morto, o propio Arnau batiu ó gardarredes para oficializar o 3-0 e asestar un duro golpe.

Pouco guion cambiou o 3-1 logrado polo Arenys de Munt, obra de Lluc Vilà despois dunha xogada totalmente desafortunada rechea de rexeites. O descanso fixo xustiza ó visto no primeiro acto.

El Arenys no se rindió

Foi encomiable o esforzo do conxunto catalán, que non entregou os sticks a pesar de sufrir tantas variables en contra. Nada máis reanudarse o xogo encaixou un gol máis de César Carballeira (4-1), autor dunha gran manobra de reverso e un posterior disparo potente preto do punto da directa.

Dava Torres destacou como asistente en varios dos goles locais. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Un posible penalti non sinalado sobre o mesmo dorsal 5 precedeu ó 4-2 do Arenys, responsabilidade tamén de Lluc Vilà. O tanto animou á súa escadra a buscar o empate con máis intensidade dentro dun contexto pouco accidentado (tan só se alcanzou un 5-4 en faltas). Quixo e non puido. Tralo seu arreón, o Liceo recuperou o mando e atacou ata que finalizou o partido.

O vindeiro compromiso de OK Liga dos homes de Juan Copa será en Sant Cugat ante o rival do mesmo nome (sábado 4 de febreiro, 20:30h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Mati Bridge; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Àlex Rodríguez e Martí Serra (meta suplente).

ARENYS DE MUNT: Guillem García; Aleix Domenech, Lluc Vilà, Marc Puigvert, Gerard Oviedo (quinteto inicial), Marc Pujadas, Alex Joseph, Django Matthieu, Arnau Font e Marc Vila (meta suplente).

ÁRBITROS: Díaz Cosme e Nicieza Elosegui. Mostraron cartón azul a Aleix Domenech por parte do Arenys.

GOLES: 1-0 (Pol Manrubia, min. 3). 2-0 (César Carballeira, de penalti, min. 8). 3-0 (Arnau Canal, min. 12). 3-1 (Lluc Vilà, min. 24). 4-1 (César Carballeira, min. 26). 4-2 (Lluc Vilà, min. 32).

OK Liga 22/23, Xornada 16. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario