13 de outubro de 2024
Fabri Ciocale celebra o 1-0 parcial. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo de Juan Copa vence ó Alcoi na súa estrea ligueira.
Tres puntos para o Liceo. A estrea do equipo de Juan Copa na OK Liga 24/25 foi inmellorable e Riazor disfrutou da primeira vitoria dos seus, que superaron ó Alcoi na xornada inicial da Fase Regular. Grandes novas para continuar coa máxima ilusión nun novo e trepidante curso.
A emoción por enriba da táctica
Un triunfo que non foi sinxelo. Os primeiros 25 minutos de competición non foron aburridos, si accidentados e con goles. Só dous minutos tiveron que pasar para que o público vira como o árbitro sacaba a primeira tarxeta azul. Viuna o visitante Ferran Formatjé para mandar a Xaus ó punto da directa, aínda que o meta Marc Grau ‘Guiri’ se impuxo no duelo.
O primeiro gol ligueiro da tempada tivo acento arxentino. Fabri Ciocale foi o responsable do 1-0 ó rematar excelentemente un pase de Dava Torres, certeiro de novo á hora de repartir xogo. Ó Alcoi tocáballe reaccionar.
Logrouno. Outro cartón azul, esta vez para o liceísta Tato Ferruccio, fixo que o coruñés Pablo del Río empatara o partido. Incluso puido remontalo tres minutos despois con outra directa que detivo Martí Serra. Os verdibrancos tamén superaron o power play en contra e viron o debut de Jacobo Copa, protagonista dos seus primeiros minutos como liceísta.
Intelixencia e paciencia para aguantar
O segundo acto non se puido parecer menos ó seu xemelgo, polo menos ata os compases finais. Os liceístas atacaron sen tomar demasiados riscos e defenderon intelixentemente ante un Alcoi obrigado a marcar para sumar.
Joan Pascual avisou das intencións dos de Lorenzo Pastor cun bo disparo ó pau esquerdo de Serra, aínda que ese pequeno susto que sufriu a afección precedeu a certo control local. Ambos metas estiveron acertados nas oportunidades dos seus respectivos rivais e, noutros momentos, eran os paus os que aparecían. O longueiro do porteiro liceísta fíxoo para evitar, xa no minuto 50, o empate de Ferran Formatjé.
O Liceo aguantou eficazmente ós cinco de pista que sacou o Alcoi nos últimos instantes
Eses 60 segundos de clausura vivíronse cun Alcoi xa apostado nos cinco de pista. Un risco que a defensa do Liceo soubo contrarrestar de forma eficaz. Final e vitoria.
Ós homes de Juan Copa chégalles agora unha semana con acción en mércores e sábado. Lleida (xornada 2, 20:30h) e Vic (xornada 3, 19:30h) serán as pistas a visitar na que será a primeira viaxe a terras catalás.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
PAS ALCOI: Marc Grau; Ferran Formatjé, Joan Pascual, Gonzalo Pérez, Franco Ceschin (quinteto inicial), Pablo del Río, Agustín Domínguez, Manel Hernández e Joan Oltra (meta suplente).
ÁRBITROS: Juan Iglesias Vallina e Jorge Carmena Ortega. Mostraron tarxeta azul ós liceístas Tato Ferruccio e Bruno Saavedra. Nos visitantes viuna Ferran Formatjé.
GOLES: 1-0 (Fabri Ciocale, min. 5). 1-1 (Pablo del Río, min. 11). 2-1 (Arnau Xaus, min. 16).
INCIDENCIAS: Xornada 1 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).