CRÓNICA | Tres puntos traballados (1-4)

CRÓNICA | Tres puntos traballados (1-4)

Non hai nada como o sabor duns merecidos tres puntos. O Deportivo Liceo de Stanis García logrounos na pista do Las Rozas despois dun partido no que ofreceu un maior nivel có seu rival. Suma así un total de sete, útiles para continuar na zona cómoda da OK Liga Feminina.

Aínda así, o comezo do choque non se caracterizou polas emocións fortes. Pasaron dez minutos ata que Bea Gaete decidiu romper a monotonía co 0-1, despois de aproveitar un xenial pase de Alba Garrote. Posteriormente apareceu Viki Caretta, protagonista doutro gran partido, para deter a Galeassi e Wally unha dobre ocasión de 1-1.

Todo controlado

A exhibición da meta italiana, un auténtico seguro de vida, continuou no segundo acto con outra intervención ante a propia Galeassi. Aproveitou o favor Adriana Soto, de novo goleadora, para aumentar a vantaxe cun disparo potente desde o punto da directa.

Desde ese momento, control total da situación. A tranquilidade do resultado e a boa imaxe xeral do Liceo favoreceu a chegada do 0-3 grazas a unha xogada luxosa de Alba Garrote. Marca da casa. Las Rozas só apareceu cando xa era tarde. Anotou o 1-3 mediante Mónica Villaro nunha acción embarullada, pero María Sanjurjo (co rival xa volcado) aproveitou un man a man contra Notario para establecer o 1-4 definitivo.

Un triunfo con bo sabor que non deberá desconcentrar ó cadro de Stanis García. O vindeiro sábado 11 (20:30h) visitará ó Mataró.

FICHA TÉCNICA

LAS ROZAS: Nerea Notario; Giulia Galeassi, Ana Horche, Elena Arganda, Mónica Villaro (quinteto inicial), Ana Asensi, Elena Wally, Anna Carranza e Alicia Abad.

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote, Adriana Soto (quinteto inicial), Naiara Vaamonde, Lara Yáñez, Luchy Paz e Lucía Yáñez.

ÁRBITRO: Alberto Pérez Pérez. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Bea Gaete, min. 10). 0-2 (Adriana Soto, min. 32). 0-3 (Alba Garrote, min. 37). 1-3 (Mónica Villaro, min. 49). 1-4 (María Sanjurjo, min. 50).

Xornada 6 da OK Liga Feminina 21/22. Centro de Patinaxe de Las Rozas.

Deixa un comentario