3 de novembro de 2024
O conxunto local vence ó Deportivo Liceo tras aproveitar a súa eficacia de cara a gol.
A fortuna segue sen estar de parte do Liceo, que colleitou en Igualada a súa terceira derrota consecutiva nesta OK Liga. A eficacia foi de novo chave no destino da quinta xornada de Fase Regular, que deixa ós de Juan Copa con seis puntos sumados.
Coa novidade de Martín Rodríguez como protector da portería verde e branca, o Liceo foi superado tras unha primeira parte co acerto como elemento diferencial. Non manchou o bo empeño do dorsal 1 liceísta, que ós oito minutos de xogo deixou unha parada de gran mérito fronte a Edu Fernández.
Martín Rodríguez completou o primeiro partido tralo regreso ó Liceo.
Sen embargo, Marc Rouzé foi o protagonista das boas novas locais. Foi quen de adiantar ó Igualada rozando o cuarto de hora de acción despois de acertar cun disparo lonxano. A diferenza foi esa: logralo. Non o fixo Arnau Xaus na máis clara para os de Juan Copa ata o momento, produto dunha gran xogada de Bruno Saavedra. Precisamente, unha azul ó número 13 verdibranco (a pesar da parada de Martín na directa) foi o preámbulo do 2-0. O Igualada, outra vez mediante Rouzé, aproveitou o power play para irse ó descanso coa vantaxe dobrada.
Intentos sen froitos
O Liceo intentouno continuamente sen atopar premio algún. Ferruccio gozou nada máis regresar de dúas grandes oportunidades para acurtar distancias, pero Torrents estivo moi atento para evitar o gol. O guion si favoreceu ós de Les Comes, que grazas a Edu Fernández anotaron o 3-0.
O gol de penalti de César non foi suficiente para rescatar puntos de Les Comes.
A diana liceísta chegou finalmente a falta de dez minutos para o final, cando César Carballeira transformou un penalti cometido sobre Jacobo Copa. Unha boa nova que durou pouco. O Igualada aproveitou o seu acerto para sumar dous goles máis, anotados por Marc Rouzé (que completou o seu triplete) e por Marc Carol. Ese 5-1 foi o resultado final.
Juan Copa e os seus terán unha nova oportunidade o próximo domingo 10 ás 12:00h, data na que visitará Riazor o Sant Just.
FICHA TÉCNICA
IGUALADA: Guillem Torrents; Joan Ruano, Roger Bars, Marc Carol, Edu Fernández (quinteto inicial), Marc Rouzé, Àlex Cardil, Guillem Llorens, Miguel Cañadillas e Jaume Marqués (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martín Rodríguez; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martí Serra (quinteto inicial).
ÁRBITROS: David Pedrola e David Calonge. Mostraron tarxeta azul ós liceístas Bruno Saavedra e Tato Ferruccio, ademais de a Joan Ruano por parte do Igualada.
GOLES: 1-0 (Marc Rouzé, min. 13). 2-0 (Marc Rouzé, min. 20). 3-0 (Edu Fernández, min. 36). 3-1 (César Carballeira de penalti, min. 40). 4-1 (Marc Rouzé, min. 42). 5-1 (Marc Carol, min. 47).
INCIDENCIAS: Xornada 5 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Les Comes (Igualada).