Imaxe: PAOLA PÉREZ.
Unha xornada marcada polo tráxico rematou, polo menos, cun bo resultado deportivo para o Liceo de Juan Copa. Sen Sito Ricart, baixa con permiso para visitar ós compañeiros do malogrado Alexandre Acsensi, o conxunto verdibranco (hoxe de negro) sacou tres puntos do Les Comes de Igualada despois de 50 minutos de infarto. Suman un total de 21 sobre 30 posibles.
O ida e volta empezou cedo unha vez Pol Manrubia, no minuto 6, viu un cartón azul por derrubar a Aleix Marimon. Gerard Riba aproveitouno para anotar o 1-0. Inmediatamente despois veu un calco da xogada a favor dos visitantes. A azul viuna o propio Riba e foi Àlex Rodríguez quen empatou. Aquí comezou a única etapa asumible para os corazóns sensibles, aínda que o meta Guillem Torrents deixou algunhas paradas de mérito.
Sito Ricart, con permiso do club, foi baixa para acompañar ós seus excompañeiros do Caldes tralo tráxico pasamento de Alexandre Acsensi.
No minuto 14, Arnau Canal atopou de xeito salvaxe a portería de Torrents. Avanzou pola dereita e, a pesar da lonxanía, colou un mísil pola escadra. Segundos despois empatou Uri Llenas para o Igualada (2-2).
O descanso chegou, sen embargo, con 2-3 grazas ó mencionado Arnau. Con outro disparo lonxano, aproveitou o único erro do meta do Igualada para volver a poñer ó Deportivo Liceo por diante. Todavía quedaba moito partido.
Reparto de golpes
Tanto quedaba que restaban seis goles. Empezaron a chegar desde o principio do regreso a pista e mediante Gerard Riba, un dos mellores xogadores locais, tras unha posible falta a Àlex Rodríguez que non sinalaron os colexiados (minuto 27). Chave foi Martí Serra ó deter unha directa do mesmo protagonista despois de que Rodríguez vira un cartón azul.
O Igualada remontou unha vez comezada a segunda parte, aínda que o Deportivo Liceo levou o xogo.
Logrou remontar Mats Zilken (4-3) para poñer o medo no corpo antes de que Rodríguez igualara outra vez (4-4). A falta de sete minutos para o final, un cartón azul a Marc Carol sen aproveitar desde a directa si foi compensado co posterior gol do capitán Dava Torres.
Esta enésima remontada non durou moito, xa que Zilken viu porta de novo a pase de Aleix Marimon. O seu homólogo Rodríguez levou definitivamente o partido para o Deportivo Liceo (5-6) tras sorprender a Torrents rodeando a súa portería.
O sábado 10 visitará Riazor o Caldes (18:00h).
FICHA TÉCNICA
IGUALADA: Guillem Torrents; Gerard Riba, Tety Vives, Marc Carol, Aleix Marimon (quinteto inicial), Nil Cervera, Uri Llenas, Bernat Yeste, Mats Zilken e Jaume Marqués (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Fabri Ciocale, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
ÁRBITROS: Gorina Bail e Pedrola Valls. Mostraron cartón azul ós locais Gerard Riba e Marc Carol. Polos visitantes, Pol Manrubia e Àlex Rodríguez.
GOLES: 1-0 (Gerard Riba, min. 6). 1-1 (Àlex Rodríguez, min. 7). 1-2 (Arnau Canal, min. 14). 2-2 (Uri Llenas, min. 14). 2-3 (Arnau Canal, min. 19). 3-3 (Gerard Riba, min. 7). 4-3 (Mats Zilken, min. 30). 4-4 (Àlex Rodríguez, min. 34). 4-5 (Dava Torres, min. 44). 5-5 (Mats Zilken, min. 46). 5-6 (Àlex Rodríguez, min. 48).
OK Liga 22/23, Xornada 10. Les Comes.