3 de marzo de 2024
O Deportivo Liceo supera a un moi bo Girona que se colocou dúas veces por diante no marcador.
Dava Torres foi o responsable dos tres goles liceístas.
Dava Torres foi o heroe dun partido de gran dificultade. O triunfo do Deportivo Liceo ante o Girona non foi fácil, pero a sexta vitoria consecutiva do cadro de Juan Copa acabou sendo unha realidade.
Son xa 38 puntos sumados na Fase Regular da OK Liga, suficientes para continuar asentados no seu top 3 a falta de cinco datas por disputarse.
Ante un muro
O certo é que, cun xogador menos na rotación debido á ausencia de Moi Aguirre, o Girona plantou cara. Exactamente o que a súa situación clasificatoria esixía, rozando o descenso á OK Prata. O encontro estivo igualado e marcado por unha boa actuación defensiva do conxunto local, que dificultou de forma importante o ataque liceísta. A única oportunidade de importancia na primeira parte foi para Tombita, ó recibir un pase na área. A súa definición foi ben aguantada polo veterano Llaverola.
Borja Ramón adiantou ós locais no minuto 22
Os problemas que supuxo o Girona non terminaron aí. No minuto 22, Borja Ramón adiantou ó seu equipo para alborozo do Palau II. Recibiu un bo pase de Àlex Grau e, só ante Martí Serra, atopou o fondo da portería.
Afortunadamente a reacción do Deportivo Liceo non tardou en chegar. Case lle abriu a porta César cun disparo marca da casa, aínda que Llaverola estivo felino para evitar o empate. Non o logrou cando o propio dorsal 5 avanzou con potencia e atopou a Dava para que o capitán igualase. O descanso chegou con algo menos de choiva.
Rendidos ó capitán
Con todo, non chegou a segunda parte cun guión diferente. O Girona de Xevi García continuou co seu eficaz plan de xogo e o Liceo tivo que seguir loitando para escapar desa elaborada rede. A situación xerou máis contratempos cando Django Bogers, cun disparo potente, volveu adiantar ós locais no minuto 29. Outro golpe.
O Girona protagonizou un gran partido en defensa, aínda que Dava Torres alcanzou un hat trick decisivo
Pouco tiña que perder o equipo de Copa, pero os seus esforzos continuaron atopando á efectiva defensa rival. Non foi ata o minuto 42 cando Sito Ricart, cun excepcional pase, habilitou a Dava para que o capitán volvese a empatar. Foi el mesmo quen, pouco despois, oficializou unha remontada de mérito. Emulou o tanto de Bogers para superar a Llaverola e colocar ó Liceo como o dono do marcador por primeira vez no encontro. Foi a propiedade que finalmente chegou ó asubío final.
Esta alegría abre agora un período de tres semanas sen acción competitiva. O próximo compromiso do Deportivo Liceo será o día 24 de marzo ás 12:00h, data na que recibirá ó Barcelona.
FICHA TÉCNICA
GIRONA: Jaume Llaverola; Àlex Grau, Django Bogers, Marc Vázquez, Borja Ramón (quinteto inicial), Aleix Doménech, Marc Puigvert, Biel Nadal e Oriol Barrot (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).
ÁRBITROS: Iván González González e Joel García Freixes. Sen cartóns.
GOLES: 1-0 (Borja Ramón, min. 22). 1-1 (Dava Torres, min. 24). 2-1 (Django Bogers, min. 29). 2-2 (Dava Torres, min. 42). 2-3 (Dava Torres, min. 45).
OK Liga 23/24. Xornada 21 da Fase Regular. Pavelló Municipal Palau II (Girona).