A gran racha do Deportivo Liceo na OK Liga continúa viva. O seu triunfo no Palau II de Girona fíxoa realidade un día máis. Son xa seis triunfos de forma consecutiva na competición doméstica, cuxo segundo posto ten na man grazas a 36 puntos sobre 45 posibles. Empeza tamén de xeito óptimo unha semana natural marcada pola celebración de tres partidos, sendo o primeiro o disputado en terras catalás.
O guion xa empezou de forma inmellorable cando Àlex Rodríguez, o home gol dos verdibrancos, superou a Llaverola ós dous minutos cun disparo potentísimo do seu coñecido catálogo (0-1).
O Deportivo Liceo comezou con este partido unha semana natural na que agardarán dous máis
O Liceo superou, ademáis, un obstáculo en forma de cartón azul a Dava Torres. O capitán derrubou a un xogador local, o Girona errou a falta directa e os visitantes sobreviviron á inferioridade numérica. Este revés non mermou a moral dos cataláns, con cantidade de ganas ofensivas e achegamentos que non fructificaron grazas á boa defensa coruñesa. O 0-1 chegou ó descanso.
Rotura de guion e gran xestión de vantaxe
Cinco minutos máis durou a coraxe local, ata que Àlex Rodríguez apareceu de novo para dobrar a vantaxe da súa escadra. Logrouno tras unha boa xogada individual e unha definición de mellor talento.
Este tanto afectou moito ó equipo dirixido por Ramón Benito, que se deixou levar e un minuto despois concedeu un cartón azul de Moi Aguirre e o posterior 0-3 trala directa. O 27 liceísta oficializou deste xeito o seu hat trick.
Os dous goles de Àlex Rodríguez nos minutos 30 e 31 remataron o partido a favor do Deportivo Liceo
Nun partido xa sen historia e con algún lance de sangue quente sen máis consecuencias, Dava Torres deixou a súa marca co 0-4 a falta de minuto e medio do final. Aproveitou a anarquía definitiva da acción, avanzou pola pista sen oposición e superou a Llaverola desde lonxe. Así rematou.
Juan Copa e os seus xogadores regresarán agora á Coruña para volver inmediatamente ó traballo, xa que o vindeiro xoves se inaugurará unha nova edición da WSE Champions League. O Deportivo Liceo visitará ó Oliveirense (22:00h, hora española) e o seguinte sábado recibirá en Riazor ó Arenys de Munt para volver á OK Liga.
FICHA TÉCNICA
GIRONA: Jaume Llaverola; Àlex Grau, Marc Vázquez, Borja Ramón, Moi Aguirre (quinteto inicial), Litus Sánchez, David Ariza, Álex Cantero, Biel Nadal e Pau Fernández (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Juan Iglesias Vallina. Mostraron cartón azul ó local Moi Aguirre por dúas veces. Por parte do conxunto liceísta foron amonestados Dava Torres e Arnau Canal.
GOLES: 0-1 (Àlex Rodríguez, min. 2). 0-2 (Àlex Rodríguez, min. 30). 0-3 (Àlex Rodríguez, min. 31). 0-4 (Dava Torres, min. 49).
OK Liga 22/23, Xornada 15. Pavelló Municipal Palau II.