CRÓNICA | Sobresaíntes (0-9)

CRÓNICA | Sobresaíntes (0-9)

Unha contundente vitoria na pista do Gatikako Iusturi vasco permitiu ó Deportivo Liceo ampliar a súa racha de imbatibilidade a tres partidos. Nove tantos que colocan ó conxunto coruñés con sete puntos de nove posibles. Implican a primeira posición provisional na OK Prata Feminina, sempre a falta dos partidos pendentes de Alcorcón, Borbolla e Rochapea.

Os esforzos iniciais do Deportivo Liceo no encontro tiveron recompensa. Ós tres minutos, o equipo verdibranco adiantouse no marcador grazas a unha boa definición de Naiara que superou a Marina Torre. De todas maneiras, o golpe non amedrentou de primeiras ó equipo de Bizkaia, disposto a reaccionar cunha activa Jessica Zubia. A atacante encarou varias veces á zaga liceísta e incluso logrou quedarse man a man contra Katy Guscin, pero o 0-1 permaneceu no marcador.

Unha vez desaproveitadas as súas ocasións, o poderío ofensivo visitante e a fraxilidade defensiva local (13 goles encaixados nas dúas xornadas iniciais) resultaron na ampliación da vantaxe xa existente. O 0-2 foi obra, novamente, de Naiara ó cuarto de hora de xogo.

Un minuto despois, e baixo as mans de Luchy Paz, chegou o 0-3. Co partido xa roto a favor dos intereses coruñeses, Naiara completou o seu triplete particular (0-4) tres minutos antes do descanso e Luchy colocou o quinto do Deportivo Liceo tras unha excelente xogada individual, culminada cun disparo lonxano imparable para a gardarredes do Gatikako Iusturi.

Control total

De regreso á pista, a que se sumou á festa foi a chilena Beatriz Gaete. Foi a responsable do 0-6 e do 0-7, ambos logrados no minuto inicial do segundo acto. Precederon a unha acción algo máis equilibrada, pero co Liceo como controlador do xogo. O Gatika foi case que anulado en cuestións ofensivas e non inquietou demasiado a unha Katy Guscin pouco esixida. O Deportivo Liceo incluso tivo tempo a redondear todavía máis a vitoria grazas a sendos goles das xoves Isa Barros (0-8) e Cris Diz (0-9).

Este gran triunfo dá comezo a un mes de abril con tan só dous partidos oficiais. O primeiro terá lugar a fin de semana do 10 ante o UDC Rochapea, para posteriormente vivir a xornada de descanso froito do número impar de equipos da competición. O seguinte celebrarase a fin de semana do 24, co Borbolla como rival.

FICHA TÉCNICA

GATIKAKO IUSTURI: Marina Torre, Garazi Bilbao, Isturitze Aurrekoetxea, María Sevillano, Jessica Zubia (quinteto inicial), Uxue López e Irati Sarria.

DEPORTIVO LICEO: Katy Guscin, Ale Martín, Naiara Vaamonde, Luchy Paz, Beatriz Gaete (quinteto inicial), Isa Barros, Inés Temprano e Cris Diz.

ÁRBITRO: Rodrigo del Campillo. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Naiara Vaamonde, min. 3). 0-2 (Naiara Vaamonde, min. 15). 0-3 (Luchy Paz, min. 16). 0-4 (Naiara Vaamonde, min. 22). 0-5 (Luchy Paz, min. 25). 0-6 (Beatriz Gaete, min. 26). 0-7 (Beatriz Gaete, min. 26). 0-8 (Isa Barros, min. 41). 0-9 (Cris Diz, min. 47).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 3 da OK Prata Feminina 20/21.

Deixa un comentario