Imaxe: Manu Boutureira.
Os partidos non rematan ata que rematan. A situación non era precisamente sinxela para o filial do Deportivo Liceo, pero os xogadores de Stanis García empataron 2-2 ante o Dominicos tras un partido vibrante. Un resultado xusto tendo en conta o visto no Pavillón de Monte Alto.
Da man dun atrevemento maior ó do seu rival, o Liceo foi protagonista das primeiras oportunidades claras do partido. Martín, meta do Dominicos, foi decisivo en todas elas. Primeiro detivo un man a man de Fran Torres, tras un robo perpetuado polo propio xogador verde, e despois un penalti de Danilo. Carlos Alonso e Aldo tamén estiveron a piques de colocar o 0-1.
Dominicos tamén tivo as súas oportunidades con sendos disparos lonxanos, pero Mati Bridge estivo igual de atento có seu homólogo. Foi un partido intenso, como cabía agardar, pero o 0-0 campou no descanso.
Contra a adversidade
O regreso á pista deixou un guion similar. As oportunidades foron habituais para ambos equipos, pero os porteiros detiveron todas e cada unha delas. Finalmente, o Dominicos inaugurou o marcador (1-0, min. 35) grazas a un gol de Bruno Saavedra.
Lonxe de perderlle a faciana ó encontro, o filial liceísta non se rendeu. Protagonizou varias xogadas ofensivas que xeraron problemas ó equipo local, e incluso gozou doutro penalti que tamén detivo Martín. Sen embargo, o que gozou de acerto foi o Dominicos. Dobrou a vantaxe (2-0) a sete minutos da conclusión grazas a unha falta directa ben executada por Martín Payero, pero respondeu Aldo Mejía cunha xogada idéntica a dous do final. 2-1. E a falta de segundos, Nanu Castro estableceu o 2-2.
O vindeiro compromiso do filial do Deportivo Liceo tamén será un derbi coruñés. Recibirá o 30 de xaneiro (18:00h) ó Compañía de María.
FICHA TÉCNICA
CAA DOMINICOS: Martín Barros, Iñigo Varela, Manuel Fernández, Javi Añón, Martín Payero (quinteto inicial), Alejandro Soto, Pablo Fernández, Bruno Saavedra e Jacobo García.
DEPORTIVO LICEO B: Mati Bridge, Rubén Martín, Aldo Mejía, Nanu Castro, Fran Torres (quinteto inicial), Danilo, Carlos Alonso, Anxo Rubalcaba e Álex Novoa.
GOLES: 1-0 (Bruno Saavedra, min. 35). 2-0 (Martín Payero, min. 43). 2-1 (Aldo Mejía, min. 48).
ÁRBITROS: Mayor Oliván e Pérez Pérez. Amonestaron con cartón azul ós locais Pablo Fernández e Manuel Fernández. Nos visitantes foron amonestados Aldo Mejía e Nanu Castro.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 12 da OK Prata 20/21 (Grupo Norte). Pavillón de Monte Alto (A Coruña).