CRÓNICA | Derrota digna en Cerdanyola (3-2)

CRÓNICA | Derrota digna en Cerdanyola (3-2)

Pouca queixa pode haber cando colocas a un xigante contra as cordas. Iso é o que lle fixo o Deportivo Liceo ó Cerdanyola na súa propia pista, a pesar da derrota final. A conclusión da cuarta xornada non empaña o bo comezo das verdibrancas, que quedan con catro puntos na zona tranquila da OK Liga Feminina.

O inicio do encontro, iso si, deixou un golpe das locais. Adriana Gutiérrez superou a Viki ós dous minutos, pero apareceu Bea Gaete para empatar. Dous máis tardou a MVP do Panamericano en atopar a rede e oficializar o equilibrio.

Desde ese momento, igualdade. Os dous equipos contaron con ocasións para marcar e o que o fixo foi o Cerdanyola da man de Gemma Solé, a rexeite do seu propio penalti.

Loita e descaro

O regreso á pista do Can Xarau mostrou a un Liceo atrevido a pesar do golpe. Buscou un novo equilibrio a base de xogo alegre e descaro, sen fixarse na entidade do seu rival. Traballou meritoriamente o empate que logrou Alba Garrote a falta de sete para o final. Apareceu da súa especialidade: unha directa. Lamentablemente para os intereses coruñeses, Daiana Silva puxo de novo por diante ó Cerdanyola. Así remataría, aínda que coa cabeza ben alta.

A próxima proba do Deportivo Liceo, que xa estará dirixido por Stanis García, será de máximo nivel. Recibirá en Riazor ó Palau (sábado 4 de decembro, 17:00h).

FICHA TÉCNICA

CERDANYOLA: Mariona Suros; Joana Xicota, María Figuerola, Adriana Gutiérrez, Gemma Solé (quinteto inicial), Daiana Silva, Natalia Crespo, Abril Battle e Ariadna Carrión.

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote, Adriana Soto (quinteto inicial), Ale Martín, Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez e Cris Diz.

ÁRBITRO: Francisco Moreno Tudela. Mostrou cartón azul á local Gemma Solé e á visitante Adriana Soto.

GOLES: 1-0 (Adriana Gutiérrez, min. 2). 1-1 (Bea Gaete, min. 4). 2-1 (Gemma Solé, min. 15). 2-2 (Alba Garrote, min. 43). 3-2 (Daiana Silva, min. 44).

Xornada 4 da OK Liga Feminina 21/22. Pavelló Esportiu Can Xarau.

Deixa un comentario