CRÓNICA OK LIGA (X2) | A primeira derrota ligueira (3-2)

CRÓNICA OK LIGA (X2) | A primeira derrota ligueira (3-2)

7 de outubro de 2023


O Deportivo Liceo cae no Joan Ortoll de Calafell e sofre o seu primeiro traspés na fase regular.

Non tivo sorte o Deportivo Liceo durante a súa visita a Calafell. Cunha convocatoria de nove xogadores debido á lesión de Bruno Saavedra, o conxunto de Juan Copa foi derrotado por un equipo local máis efectivo e axudado pola atmosfera do seu Pavelló Joan Ortoll.

Os verdibrancos quedaron así sen sumar, cos tres puntos conseguidos a semana pasada e coa visita do Rivas a Riazor como próxima proba (sábado 14, 17:00h).

Remontada en contra

O partido non daba a sensación de rematar así vendo os seus primeiros cinco minutos. No cuarto, César Carballeira xa adiantara ó Liceo cunha definición de habilidade nun man a man. Desafortunadamente, a reacción dos homes de Ferran López non tardou. Empatou Joan Pascual e remontou Arnau Xaus, este último tras un roubo perpetrado por el mesmo.

Os goles de Joan Pascual e Arnau Xaus remontaron o que anotou César Carballeira ós catro minutos

Os xogadores de verde e branco buscaron entón unha resposta, aínda que se atoparon cunha defensa local ben prantada. Ademais, o guión complicouse aínda máis co 3-1 en contra. César viu un cartón azul e o propio Xaus aproveitou a directa a tres minutos do descanso.

Reacción insuficiente nunha segunda parte accidentada

Un tempo de asueto no que pasou de todo e con consecuencias. Unha riña terminou con tres tarxetas: sendas azuis para os técnicos (Juan Copa e Ferran López) e unha vermella para o local Jordi Ferrer. Isto provocou que o segundo acto comezara con tres xogadores de pista en cada equipo. No caso do Calafell, debido á vermella, a inferioridade numérica durou máis.

O descanso deixou un total de tres cartóns: dous azules e un vermello

A intensidade xeral tamén medrou. Os banquiños protestaban cada decisión dos colexiados dentro dun clima peculiar. De el saíu ben parado o Liceo, que mediante César acurtou distancias: 3-2 cun disparo potentísimo no minuto 31. Pouco despois, no 39, o mesmo dorsal 5 estrelou unha bóla no poste de Gerard Camps.

O meta do Calafell foi o responsable de que o empate do Liceo non se materializara. Trala décima infracción dos seus compañeiros, detivo unha directa de Dava. Non foi a súa única intervención clave no partido, onde rematou como figura esencial. Pola súa parte, o Liceo seguiu intentándoo e ata con cinco en pista, pero a igualada non chegou.

FICHA TÉCNICA

CALAFELL: Gerard Camps; Joan Pascual, Arnau Xaus, Jordi Ferrer, Oriol Vives (quinteto inicial), Joan Escala, Jepi Selva, Sergi Miras, Carles Domenech e Marc Solans (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Tomás Pereira, Fran Torres e Martí Serra (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Erik Rivas Martín. Expulsaron con vermello directo a Jordi Ferrer, xogador do Calafell. No conxunto local tamén viu o cartón azul o adestrador Ferran López. Por parte do Deportivo Liceo viron o azul César Carballeira e Juan Copa (técnico).

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 4). 1-1 (Joan Pascual, min. 5). 1-2 (Arnau Xaus, min. 12). 3-1 (Arnau Xaus, min. 22). 3-2 (César Carballeira, min. 31).

OK Liga 23/24. Xornada 2 da Fase Regular. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).

Deixa un comentario