50 puntos e de novo á segunda praza con dous de vantaxe. O triunfo do Deportivo Liceo de Juan Copa ante o Calafell (agora terceiro con 48) foi algo máis que iso. Significou un golpe na mesa do entonces ocupante do posto, máis aínda tendo en conta que só restan catro xornadas de fase regular. Apareceron autoridade, efectividade e un chisco de ADN Liceo para atopar o éxito.
Non foi especialmente trepidante o inicio deste importante compromiso, aínda que en desacordo estará Àlex Rodríguez. O dorsal 27 recibiu un bolazo accidental na cabeza ó pouco de empezar que lle obrigou a abandonar momentáneamente a pista. Todo sen consecuencias graves, tal e como se contará en breves. No puramente deportivo, o Calafell foi o único que probou unha portería rival (sen demasiado ahínco).
No minuto 16, o conxunto de Ferran López estivo máis preto do gol que nunca. Atopouno, pero foi anulado. O único que parou a celebración de Jordi Ferrer resultou ser un patín anterior de Escala.
O gol do coxo
De repente, regresou. E de que xeito. Rodríguez, ataviado cunha vendaxe branca, roboulle unha bóla ó exliceísta Sergi Miras e batiu a Gerard Camps (minuto 18) cun disparo marca da casa desde fóra da área. Anotou o que, por condicións físicas, menos prometía.
Àlex Rodríguez abriu o marcador no minuto 18 a pesar de estar lastrado por un bolazo accidental recibido ó comezo do partido
Cunha reacción catalá tan existente como insuficiente, o descanso non rematou con 0-2 grazas ó meta local. Estivo a piques de logralo o Deportivo Liceo cando, astutamente, montou unha contra dunha falta a favor en pista propia. Dava Torres fíxoo ben fronte a Camps, aínda que non tanto como o porteiro.
Unha de supervivencia
Ó regresar á pista, Martí Serra actuou para salvar a vantaxe ante Miras. Unha das súas múltiples paradas do segundo acto. Mantívose enteiro outra vez cando un cartón azul de Fabri mandou a Arnau Xaus ó punto da directa. Posteriormente, un penalti do mencionado Sergi Miras tampouco rematou dentro tras golpear no pau.
Si acertou Bruno Di Benedetto, oportunista dentro do caos. Unha bóla perdida dentro da área local e rodeada por varios xogadores de ambos equipos foi aproveitada polo francés. Gol de tranquilidade tras amosar ese chisco innato de supervivencia liceísta. Àlex Rodríguez, co Calafell en inferioridade tras un azul a Escala, marcou o 0-3 definitivo (minuto 48) nun man a man letal. Así rematou.
Martí Serra salvou ó Deportivo Liceo en varias ocasións durante o 0-1 parcial
Juan Copa e os seus trocan agora o chip a modo Europa. Este xoves visitarán ó Benfica na WSE Champions League (22:00h de España) e, o mesmo domingo, recibirán ó Igualada na OK Liga (17:00h). Será o penúltimo partido en Riazor da fase regular.
FICHA TÉCNICA
CALAFELL: Gerard Camps; Arnau Xaus, Jordi Ferrer, Joan Escala, Sergi Miras (quinteto inicial), Oriol Palau, Humberto Mendes, Martí Casas, Curro Fernández e Marc Solans (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Arnau Canal, Fabri Ciocale, Pol Manrubia e Mati Bridge (meta suplente).
ÁRBITROS: González González e Rivas Martín. Mostraron cartón azul a Joan Escala por parte do Calafell. No Deportivo Liceo viuno Fabri Ciocale.
GOLES: 0-1 (Àlex Rodríguez, min. 18). 0-2 (Bruno Di Benedetto, min. 37). 0-3 (Àlex Rodríguez, min. 48).
OK Liga 22/23, Xornada 22. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).