CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X5) | Un punto e un Tombita estelar (4-4)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X5) | Un punto e un Tombita estelar (4-4)

8 de febreiro de 2024


O Deportivo Liceo empata na súa visita ó Barcelos grazas a un gran traballo coral liderado por Fran Torres, protagonista dun triplete.

Ó Deportivo Liceo só lle quedaba xa a honra e mantívoa realmente intacta. Sen opcións de clasificación na visita ó Pavilhão Municipal de Barcelos, Juan Copa e os seus disputaron un partido de gran calidade ante un excelente rival que xa vencera por 2-4 no encontro de Riazor.

Empate final tras superar todos os duros golpes recibidos polos lusos. Son dous puntos para o Liceo dentro do Grupo A da WSE Champions League, en cuxa fase de eliminatorias non hai sitio desde o final da cuarta xornada. Resta unha, a sexta, que levará ó líder e xa clasificado Barcelona a Galicia (29 de febreiro).

A mesma intensidade de Riazor

A primeira parte comezou ben para os intereses verdibrancos, que saudaron con agrado un bo gol de Dava Torres ós tres minutos. Avanzou, achegouse ó punto da directa e disparou unha bóla que non viu Acevedo. Sen embargo, as boas prestacións do Barcelos fixeron que este tanto non decidise absolutamente nada. De feito, Alvarinho logrou empatar cun disparo cruzado (minuto 6).

Fran Torres (foto de arquivo) anotou un hat trick decisivo. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Todo foi moi intenso, como na ida. O acto inicial esixiu fisicamente, aínda que non se traduciu en excesivas faltas: o descanso chegou cun escaso 2-3 nese sentido e ninguén acabaría chegando á décima. Dentro dese guión, os homes de Paulo Freitas medraron pouco a pouco e provocaron varias intervencións salvadoras de Tiago Rodrigues, titular hoxe baixo os paus liceístas.

Finalmente, Danilo Rampulla logrou remontar no minuto 13. Patinou pola esquerda, achegouse á meta e, caéndose, foi capaz de enviar unha bóla rasa ó fondo da rede. Un golpe importante que Fran Torres neutralizou pouco antes do descanso, pero Miguel Rocha volveu a poñer por diante ós lusos cun disparo lonxano realmente potente (3-2). Tocaba remar.

Exhibición do 44

Moi lonxe de renderse, o Liceo xa rozou o empate ós dez segundos da reanudación. Vieirinha viu a azul e Fabri non logrou superar a Acevedo, aínda que as oportunidades visitantes non cesaron.

Entre elas surxiu un protagonista que xa anotara anteriormente: Fran Torres, que respondeu dúas veces máis ós golpes do Barcelos. No minuto 33 marcou o 3-3 e, no 44, o 4-4 (tralo gol local de Vieirinha). Todo un hat trick europeo para o xogador arxentino. Ese foi o resultado que acabou mostrando o marcador do Pavilhão Municipal, que a só 120 segundos do final se viu ameazado por un gol anulado a Miguel Rocha.

Ó Deportivo Liceo agárdalle agora a visita do Mataró na OK Liga (domingo, 12:00h).

FICHA TÉCNICA

BARCELOS: Conti Acevedo; Luis Querido, Alvarinho, Vieirinha, Danilo Rampulla (quinteto inicial), Santi Chambella, Darío Giménez, Poka, Miguel Rocha e Joka (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Martí Serra (quinteto inicial).

ÁRBITROS: Filippo Fronte e Francesco Stallone (Italia). Mostraron tarxeta azul ó local Vieirinha.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 3). 1-1 (Alvarinho, min. 6). 2-1 (Danilo Rampulla, min. 13). 2-2 (Fran Torres, min. 21). 3-2 (Miguel Rocha, min. 23). 3-3 (Fran Torres, min. 33). 4-3 (Vieirinha, min. 37). 4-4 (Fran Torres, min. 44).

WSE Champions League 23/24. Xornada 5 da Fase de Grupos. Pavilhão Municipal de Barcelos (Portugal).

Deixa un comentario