Imaxe: MÓNICA ARCAY.
O espectáculo vivido no Pazo dos Deportes caeu do lado do Deportivo Liceo de Juan Copa. Levou o seu encontro contra o Barcelos, igualado en primeira instancia, ó territorio do verde e o branco despois dunha segunda parte eficaz que oficializou o primeiro posto do Grupo C. Permitiralle xogar os cuartos de final da Golden Cup mañá xoves ás 18:15h, en lugar do venres.
Trala homenaxe a Daniel Martinazzo, lenda liceísta que protagonizou o saque da honra, deu comezo o toma e daca. Ambos contendentes ofreceron unha metade inicial disputada na que o conxunto coruñés golpeou primeiro. Fíxoo Roberto Di Benedetto. Dava Torres rozou o 0-2 (o Liceo actuou de visitante) cun disparo ó ferro e cunha directa de Adroher, aínda que o que goleou foi Darío Giménez noutra.
O 1-1 deu paso ó 1-2 tras un gran lanzamento de Àlex Rodríguez, especialista á hora de romper a bóla. Un golpeaba, outro recibía e os papeis trocaban. Así foi o partido nos primeiros 25 minutos. Miguel Rocha empatou de penalti, Danilo Rampulla remontouno cunha xenial definición e Rodríguez igualouno de novo. 3-3 e descanso.
Golpe liceísta na mesa
Este guion tan só sobreviviu nos primeiros dez minutos da segunda parte. Alvarinho adiantou novamente ó equipo luso no 27, intre no que apareceu o festival dos rapaces de Copa.
Jordi Adroher, desde o punto da directa, foi chave. Anotou dúas das dianas que axudaron a romper o partido, cun resultado final de 4-8 grazas a outras tres de César, Dava Torres e o propio Mago. Ledicia para o máis de mil afeccionados liceístas sentados nas gradas.
FICHA TÉCNICA
OC BARCELOS: Conti Acevedo; Zé Pedro, Danilo Rampulla, Darío Giménez, Alvarinho (quinteto inicial), Joca Guimarães, Luís Querido, André Centeno, Miguel Rocha e Joka.
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Àlex Rodríguez, Jordi Burgaya e Martín Garaboa.
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez e Iván González. Expulsaron con vermello directo a Joka polo Barcelos. Tamén mostraron cartón azul a Alvarinho, Joca Guimarães e Darío Giménez. No Deportivo Liceo víronna Dava Torres e Àlex Rodríguez.
GOLES: 0-1 (Roberto Di Benedetto, min. 1). 1-1 (Darío Giménez, min. 9). 1-2 (Àlex Rodríguez, min. 15). 2-2 (Miguel Rocha, de penalti, min. 17). 3-2 (Danilo Rampulla, min. 21). 3-3 (Àlex Rodríguez, min. 23). 4-3 (Alvarinho, min. 27). 4-4 (Jordi Adroher, min. 30). 4-5 (Dava Torres, min. 34). 4-6 (César Carballeira, min. 35). 4-7 (Jordi Adroher, min. 47). 4-8 (Jordi Adroher, min. 40).
Golden Cup, segundo partido da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).